Entrega de 40.000 euros en axudas a 11 entidades sociais, culturais e deportivas de Arousa e Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedraPontevedraProvinciasVilagarcía de Arousa
A-
A+

As deputadas provinciais Ana Isabel Vázquez e Begoña Estévez entregaron esta mañá axudas por un valor total de 40.660 euros a tres entidades de Pontevedra e oito da comarca de Arousa con fins culturais, sociais e deportivos.

En Pontevedra

Ana Isabel Vázquez recibiu no Pazo provincial os representantes da Asociación Cruz Vermella Oficina, entidade que obtivo unha subvención de 5280 euros para o proxecto Emerxencia social; a Asociación Cultural Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que percibiu 600 euros para a adquisición dun teclado; e a Cáritas Pontevedra, que acadou un total de 5280 euros para axudas a persoas con baixos recursos económicos. 

En Arousa

Begoña Estévez entregou en Vilagarcía de Arousa axudas á Fundación Amigos de Galicia, concretamente 1000 euros destinados ó Plan de persoas sen recursos en risco de exclusión social, e á Asociación Lar Pro Salud Mental, que recibiu 2000 euros para o taller de música e control emocional. Entregou, así mesmo, 1000 euros para o proxecto de atención básica de Cáritas Arousa; 2000 euros para o proxecto método pilates e fibromialxia da Asociación Colectivo de Afectados de Fibromialxia; 3500 euros para o proxecto III Curso de Xardinería da Asociación de Diminuídos Psíquicos Con Eles; e 1000 euros para gastos correntes de AFASAL.

Por outra banda, A Fundación Contra o Narcotráfico recibiu 8000 euros, dos cales 6000 están destinados a crear un servizo de cooperación antidroga e 2000 á campaña de panos brancos contra a droga. Tamén a Asociación Ccanvinhar Loita contra o VIH obtivo 6500 euros para a adquisición dunha furgoneta e 1000 euros para gastos correntes.

No tocante ás accións encamiñadas ó deporte, o Arousa SC percibiu 3500 euros para a compra de material deportivo.

A través destas subvencións a Deputación de Pontevedra amosa o seu compromiso na prestación de servizos sociais de atención especializada, así como de ámbito cultural e deportivo, para que as entidades beneficiarias poidan ofrecer todas as prestacións que demandan.

5 de setembro de 2013 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.