publicidade hoxe

Entrega das becas-premio aos mellores expedientes da Fundación Fernando Blanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
Entrega das becas-premio outorgadas pola Fundación Fernando Blanco

Entrega das becas-premio outorgadas pola Fundación Fernando Blanco

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou o labor da Fundación Fernando Blanco de Lema en prol do progreso e o avance educativo, unha tarefa que leva desenvolvendo na localidade de Cee desde o século XIX. Durante a súa participación no acto de entrega das becas-premio que esta entidade outorga ao alumnado do IES Fernando Blanco –sito na mesma localidade de Cee-, o conselleiro resaltou “o esforzo en prol da educación e da instrución na nosa terra do conxunto dos emigrantes galegos que durante o pasado século XIX e as primeiras décadas do XX saíron a gañarse á vida e que, cando a fortuna lles foi propicia, devolveron á súa terra natal a colleita multiplicada en forma de escolas”.

Na súa intervención Vázquez Abad recoñeceu o traballo da Fundación Fernando Blanco, facendo fincapé no “grandioso do proxecto” herdado do fundador, subliñando “o valor central que este home de prol lle daba á instrución na vida das persoas” e lembrando a “riqueza e amplitude do patrimonio escolar” que salvagarda e difunde a institución céense.

No acto fíxose entrega das becas-premio aos mellores expedientes a Sergio Grandío Rodríguez, de 3º da ESO; Maruxa Cernadas Leis, de 1º de Bacharelato; Santiago Lafuente Calvo, de 1º de ciclo de grao medio de FP; Yohana Moreira Pose, de 1º de ciclo de grao superior de FP; e mais a Ariane Lema Paz, de 1º curso de Programas de cualificación Profesional Inicial (PCPI). Para optaren a estas bolsas os aspirantes debían contar cunha nota media de 8,5 puntos, así como matricularse no curso 2013/2014 no IES Fernando Blanco.

Ao acto asistiron ademais a presidenta da fundación e alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez Pérez; o secretario da fundación, Darío Areas Domínguez; e a directora do IES Fernando Blanco, Consuelo Trillo Lago.

A Fundación

A Fundación Fernando Blanco de Lema foi creada a partires dos últimos desexos do ceense, que no seu testamento decidiu dedicar o groso da súa fortuna á construción e mantemento dun Colexio de Primeira e Segunda Ensinanza na súa vila natal, o que hoxe é o IES Fernando Blanco.

Tras abrir as súas portas o 2 de outubro de 1886, o colexio converteuse nun polo de desenvolvemento educativo, cultural e, en definitiva, de progreso social para a localidade coruñesa. De feito, as clases iniciais que impartiu para a alfabetización das persoas adultas acabaron por suprimirse ao seren innecesarias, xa que ao abeiro do labor realizado polo colexio as taxas de analfabetismo na localidade reducíronse de forma moi considerable. Ademais o centro destacou polas actitudes pedagóxicas modernas que nel se desenvolvían, así como pola inclusión das materias de música, debuxo e mecanografía no currículo, e pola xenerosa dotación de material que dispoñía para o ensino das ciencias humanísticas e experimentais.

Máis aló do seu labor educativo, a Fundación Fernando Blanco impulsou numerosas iniciativas benéficas e caritativas, ademais de campañas sanitarias que facilitaron o tratamento médico das persoas máis desfavorecidas, así como afrontar as epidemias que a finais do século XIX afectaron á poboación. Doutra banda, unha das principais preocupacións da fundación foi impulsar o progreso da vila, apoiando feitos como a chegada da luz eléctrica en 1906, entre outras iniciativas.

7 de setembro de 2013 | 23:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.