“Endulzarte” gana o concurso de escaparatismo coruñés cunha alegoría sobre “El Bosque Animado”

Escaparate gañador
A tenda de doces Endulzarte foi a gañadora do concurso de escaparatismo de outono do Concello tras recibir o maior número de votos nas redes sociais nunha votación popular na que competía con outros catro finalistas: Sombrerero Loco, de Zona Obelisco, Boutique Gourmet (Distrito Picasso), Varada (Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra) e Libraría Cascanueces, (Zona Zero). Os catro pertencen a un barrio diferente da cidade e finalmente competiron entre eles para lograr o galardón.
Endulzarte, situado no número 79 da avenida de Hércules, en Monte Alto, alzouse finalmente co premio cun escaparate móbil inspirado na obra El Bosque Animado do escritor galego Wenceslao Fernández Flórez e onde a fantasía e a beleza das súas árbores con rodas e o seu reloxo móbil lograron na Rede un total de 2.232 votos.
Ao concurso, organizado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, presentáronse 90 tendas -batendo todos os récords de participación nun certame deste tipo- dos cales un xurado especializado elixiu para pasar a segunda fase a cinco finalistas que entre o 23 e 29 de setembro mostraron os seus escaparates nas redes sociais para someterse ao voto do público.
O concurso repartirá case 10.000 euros en premios, xa que ademais do gañador, que recibirá 2.000 euros, a entidade á que pertence (neste caso a Asociación de Veciños e Comerciantes de Montealto) recibirá 500 euros e 1000 cada un dos finalistas, mentres que as súas respectivas asociacións comerciais obterá un premio de 500 euros. Ademais, sortearanse vales de compra de 100 euros cada un entre os que participasen na votación popular.
A área de Emprego e Empresa organizará un certame similar en decembro para animar os comerciantes a participar e fomentar así a creatividade e imaxinación nos seus escaparates do Nadal dentro das estratexias deseñadas pola concellaría de Luisa Cid para axudar e impulsar o comercio local.











