publicidade hoxe

Dúas artesás realizarán demostracións en vivo nas festas de San Mamede de Nodar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolLocalLocal PortadaLugoProvincias
A-
A+

A Deputación colabora coa comisión organizadora das festas dos Remedios que se celebra esta fin de semana en de San Mamede de Nodar, Friol, achegando ós actos do domingo dúas artesás. Grazas a esta colaboración co Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, as persoas que se acheguen ata esta localidade poderán coñecer de primeira man cómo se realizan os traballos tradicionais en cestería e tear. Carmen Fieiras e Noela Feal serán as encargadas de facer as demostracións en vivo que terán lugar no campo da festa ás 12:30 do domingo, o día grande das festas e no que se prevé maior afluencia de público.

A Deputación colabora con estas iniciativas porque considera que estas citas son unha importante oportunidade para dar a coñecer o traballo dos artesáns lucenses, que empregan métodos e produtos autóctonos, promocionando así a economía local e poñendo en valor o traballo artesán.

As festas de san Mamede de Nodar non son as únicas nas que están presentes artesáns do CENTRAD. Durante todo o verán numerosos veciños puideron coñecer o traballo desenvolto por numerosos artistas en varias localidades lucenses que celebraban citas importantes. Tal foi o caso da Feira de Artesanía do Incio ou a Festa do turista de San Cibrao, onde tamén se puideron ver traballar artesáns en directo ou con exposicións de produtos tradicionais como houbo na Feira de Cervantes e na Malla de Meira e en Parga.

A cita desta fin de semana en San Mamede de Nodar reúne un gran número de persoas nesta localidade lucense. A celebración ten un gran arraigo entre os veciños que tratan de manter a convocatoria con actividades atractivas para os visitantes, como é o caso destas demostracións do CENTRAD.

6 de setembro de 2013 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.