publicidade hoxe

“Do mar á terra” comeza setembro cun programa repleto de actividades formativas para os empresarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVimianzo
A-
A+

O proxecto “Do mar á terra”, promovido polo Concello de Vimianzo e financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira GAC 3- Costa da Morte, retoma as súas accións formativas despois do parón estival. Unhas actividades que están destinadas aos negocios de hostalaría do municipio , outros sectores comerciais, e particulares que desexen ampliar coñecementos no sector servizos.

Así, este xoves 5 de setembro terá lugar a segunda parte do curso “Rexidoría de pisos”, impartido no hostal Vázquez e que indicará aos asistentes as claves para unha boa xestión na limpeza, orden, hixiene, e produtividade na labor de mantemento de habitacións nos establecementos hoteleiros.

A acción levarase a cabo entre as 17.00 e as 20.00 horas, igual que todas as do restantes programa. Outras accións que se desenvolverán ao largo do mes de setembro son as seguintes:

– Luns 9 de setembro: “O mar e as xentes da Costa da Morte”. Un grupo de hostaleiros de Vimianzo viaxarán ata Laxe para coñecer o funcionamento da lonxa e observar a subasta da tarde. Alí departirán con membros das confrarías de laxe e camariñas, así coma con representantes do Grupo de Acción Costeira GAC.

– Mércores 11 de setembro: “A imaxe da nosa empresa en Internet”. Expertos en tecnoloxías da información, posicionamento web e comunicación farán unha análise da presenza na rede de cada unha das empresas que acudan á actividade. Ademais se lles dará unha serie de claves para a mellora da súa imaxe e produtividade.

Casa da Cultura.

– Luns 16 de setembro: Curso “Manexo e conservación dos produtos do mar”. O experto cociñeiro Miguel Silvarredonda ensinará aos hostaleiros os cortes básicos do peixe e novas técnicas de conservación e envasado. Casa da Cultura.

– Mércores 18 de setembro: Charla “Xestión de empresas turísticas”, na que se explicará a importancia da calidade e da garantía de orixe nos produtos turísticos. Casa da cultura.

– Luns 23 de setembro: Unha decena de empresas de Vimianzo viaxará a coñecer un caso de éxito nos proxectos de turismo gastronómico: “Mar de Arousa”. En Arousa falarán cos responsables da iniciativa, compartirán experiencias, e ademais realizarán a ruta do mexillón en barco entre as bateas e degustarán un menú bateeiro.

– Mércores 25 de setembro: “Atención ao cliente”. Unha metre e mestra de protocolo dará aos asistentes as claves básicas da atención ao comensal ou visitantes como colocar as mesas nun restaurantes e a correcta toma de comandas. Casa Sabina.

– Luns 30 de setembro: Curso de Barista. Destinado a camareiros/as. Un profesional explicará como se preparan diferentes tipos de cafés, cócteles ou combinados.

Xa no mes de outubro (con data ser determinar) impartirase a acción “Cociña miúda e Km0 “, a cargo do Restaurante Abastos 2.0 de Santiago de Compostela. Os chefs do restaurante santiagués intentarán transmitir aos hostaleiros unha maneira de traballar os pratos baseada na materia prima, principalmente o peixe. O fin último é ensinarlles que esa materia prima, é un, recurso que poden ensalzar e poñer en valor.

En todos os casos os cursos e xornadas están destinados aos empresarios adscritos ao proxecto “Do mar á terra”, aínda que se non se cubrira o cupo de prazas podería inscribirse calquera persoa que estivera interesada nas diferentes materias.

ORIENTACIÓN CASTREXA E MEDIEVAL

A primeira toma de contacto tras o verán produciuse en realidade o pasado luns, 2 de setembro. Os hostaleiros de Vimianzo acudiron á casa da Cultura da vila para compartir e actualizar as receitas que están a preparar para os seus establecementos dentro da rede “Do mar á terra”. Nesta xornada participaron unha ducia de profesionais, que contaron co asesoramento do cociñeiro Miguel Silvarredonda para a unha óptima elaboración dos pratos.

Os menús que presentarán os hostaleiros baséanse na gastronomía da épocas castrexa (Idade de ferro) e medieval. E para ser o máis fieis posibles á realidade contaron coa axuda dos arqueólogos leoneses Víctor Bejega e Eduardo González.

Tras un exhaustivo labor de investigación na Costa da Morte, estes dous arqueólogos, especializados en arqueozooloxía, elaboraron un receitario dos ingredientes e o tipo de cociña que empregaban os habitantes dos castros e os castelos vimianceses.

Así, grazas ao proxecto “Do mar á terra” os hostaleiros da vila, respaldados polo Concello, traballan na recuperación de receitas e
métodos de cociña da antano, no que se mesturan a historia, o sabor xenuíno e o produto da Costa da Morte.

“DO MAR Á TERRA”

A iniciativa “Do mar á terra” é unha iniciativa promovida polo Concello de Vimianzo e financiada polos fondos europeos do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, Gac3, que busca a valorización dos produtos do mar como recurso turístico a través da gastronomía.

4 de setembro de 2013 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.