publicidade hoxe

Dispositivo especial para a recuperación do tráfico normal tras concluír a obra de Emalcsa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O corte no Nacional 550, entre O Portádego e A Coruña, por motivo das obras no abastecemento da cidade e a bisbarra que executa
Emalcsa finaliza hoxe. O goberno de Culleredo xa pedira a máxima celeridade na realización das obras e a empresa cumpriu, o que permite reabrir a N550 ao tráfico tres días antes do previsto.

O Concello, non obstante, manterá nos primeiros días un dispositivo especial de vixilancia da Policía Local para garantir que se recupere con normalidade o tránsito. Ademais, por labores de pintado, a empresa terá que efectuar cortes puntuais regulados. O peche ao tráfico da conexión entre O Portádego e A Coruña afectaba sensiblemente a unha das vías de alta capacidade que dan servizo ao municipio, coa presenza no seu ámbito de miles de veciños e de centos de establecementos comerciais. Para reducir ao máximo as molestias, o alcalde en funcións, José Ramón Rioboo, apostou por efectuar un importante esforzo dende o Concello coa intención de minimizar as molestias.

Rioboo fixou unha atención continua da Policía Local nos puntos de maior carga de tráfico, o que se conseguiu incrementando o número de efectivos previstos nos cuadrantes de estas dúas semanas. O alcalde en funcións destaca o “gran traballo” levado a cabo polos axentes, que axudou a que o tráfico se resentise na menor medida posible do corte.

O outro factor que axudou, apunta Rioboo, foi a colaboración dos cidadáns, a quen agradece “a súa comprensión e actitude exemplar” ante as obras. Os veciños escoitaron as recomendacións do Concello e usaron en boa medida a AP-9 e a Terceira Rolda para reducir
a carga de circulación no Portádego e Fonteculler.

O Concello de Culleredo entende que a envergadura dos traballos de Emalcsa, de vital importancia para o abastecemento de auga da bisbarra, obrigase a este corte, por motivos de seguridade e axilidade da actuación.

Acondicionamento da parcela xunto a Radio Culleredo

O Concello de Culleredo sinala que a parcela situada no Portádego xunto a Radio Culleredo, a pé do Nacional 550, será acondicionada unha vez concluídos os traballos. Este terreo serviu para o abasto de material por parte da empresa que levou a cabo as obras encargadas por Emalcsa.

O goberno local solicitou que posteriormente sexa axeitada para que quede en boas condicións. Polo de pronto non se prevé alí ningunha actuación dado que se confía que proximamente a Xunta de Galicia comece a construción do necesario centro de saúde.

13 de setembro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.