publicidade hoxe

Culleredo rexistra unha avalancha de 450 matrículas na primeira xornada de inscricións nas actividades culturais e deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo recibiu na mañá de hoxe unha avalancha de matrículas para a programación de actividades culturais deportivas, cuxo prazo se abría hoxe. Centos de persoas acudiron dende primeira hora da mañá ao Edificio de Servizos Múltiples do Burgo para facerse cunha praza nalgunha das decenas de variedades ofertadas.

A mediodía, a Concellaría de Cultura rexistrara un total de 450 matrículas. De feito, hai varias modalidades con todas as prazas cubertas: Pilates, Confección no Burgo, Informática para nenos, Iniciación á Fotografía e Iniciación á Guitarra.

Nestes dous últimos casos, o Concello duplicou este ano a oferta, diferenciando entre grupos de iniciación e perfeccionamento, e xa en 5 horas cubríronse dous dos catro grupos. É unha mostra do interese sobresaínte mostrado hoxe polos veciños na programación de actividades do Concello, que este ano estrea novas posibilidades e amplía prazas, apunta Alicia  Ferreiro, concelleira de Cultura. De feito, esta avalancha xa na primeira xornada de apertura da inscrición nunca se producira en Culleredo. Unha “programación actualizada” e buscando “actividades de interese e en auxe” pode ter a explicación deste éxito.

De todos os xeitos, o goberno municipal anuncia que ampliará as prazas daquelas actividades con maior demanda, sempre e cando sexa posible cadrar a creación de novos grupos cos horarios de ocupación dos espazos. A matrícula seguirá aberta ata o día 30.

Oferta

Así, o Concello conta como gran novidade coa actividade de “zumba”, que se desenvolverá en tres grupos no Burgo e Vilaboa. Únese así ao ioga, pilates e ximnasia de mantemento como principais alternativas deportivas para os adultos. A patinaxe artística é outra das novidades, tanto para nenos coma para adultos. A estes últimos, o Concello impartirá un curso de iniciación. Os pequenos tamén contarán como actividades deportivas ao fútbol sala, a ximnasia rítmica e o karate. Completa a oferta o xadrez, para ambas as dúas categorías.

No ámbito cultural, a informática volverá ser a actividade que reúna máis participantes. Os bailes de salón, as manualidades, o óleo, e a confección serán as seguintes modalidades previsiblemente máis concorridas. Non se esquece o Concello dos idiomas, incluíndo clases de inglés, en niveis de iniciación ou perfeccionamento, nin da fotografía dixital, que duplica as súas prazas dada a aceptación lograda o pasado curso, que finalizou cunha exposición dos alumnos no xardín botánico.

A música terá tamén as súas posibilidades, con clases de guitarra e de gaita, tanto para adultos como para nenos. En canto a bailes, ademais dos mencionados de salón, os adultos contarán cunha nova opción: o tango arxentino. Únese ao baile galego, e ao moderno e contemporáneo que gozarán os pequenos.

O goberno municipal resalta que os prezos das actividades, adaptados á situación actual. A asistencia a unha actividade todo o ano é de 70 euros para menores de 18 anos e de 80 euros para adultos (curso completo en todos os casos). En caso de asistir a máis dunha actividade ou contar con varios membros da unidade familiar, a cota baixa a 60 euros por actividade.

Ferreiro destaca o “esforzo” do Concello en ampliar a oferta cultural coa situación económica actual. “Cremos que a cultura e deporte seguen sendo fundamentais para ou benestar do veciño e por iso cada ano tratamos de aumentar ás opcións e adaptarnos ás necesidades”, afirma.

A maiores das modalidades incluídas nesta oferta, o Concello ofrece outras actividades culturais e deportivas de grande aceptación, en colaboración con agrupacións do municipio. É o caso do teatro ou a natación.

23 de setembro de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.