publicidade hoxe

Culleredo crea no Burgo o Centro Municipal de Asociacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

Nace o Centro Municipal de Asociacións de Culleredo. O goberno municipal impulsa a iniciativa para prestar espazo ás entidades que levan a cabo o seu traballo no termo para que melloren os seus servizos de atención ao cidadán e dispoñan das condicións necesarias para levar a cabo de traballo de forma óptima.

O plan diríxese por un lado ás asociacións de carácter sociosanitario, e por outro a asociacións relacionadas co desenvolvemento económico local, dous ámbitos prioritarios a día de hoxe.

As entidades sociosanitarias instalaranse no denominado Centro Municipal de Asociacións da Escada. Sitúase na planta alta do edificio da Escada, no Burgo. Este inmoble, antigas oficinas da fábrica La Cros, acolle na súa planta baixa o centro municipal para persoas con minusvalidez funcional.

Neste novo centro teñen confirmada a súa presenza as asociacións que traballan nos ámbitos da minusvalidez como son AFADIPS, AGAXFRA e DISMACOR; asociacións vinculadas ao apoio a persoas con necesidades educativas especiais: ANHIDA; asociacións de apoio ás persoas con enfermidades graves ou crónicas como ALCER e AEAL; asociacións de apoio ás persoas inmigrantes, asiladas ou marxinadas como MESTURA e MÉDICOS DO MUNDO; asociacións de promoción de estilos de vida saudables como ACEGA e ALMA; e asociacións de promoción da saúde comunitaria como ASGAte.

O centro prestará diferentes servizos: utilización de despachos propios, naqueles casos que as entidades están profesionalizar, e de despachos compartidos nas que non precisan un propio e mesmo servizos de garda de materiais para aquelas outras que só requiren esta prestación.

As asociacións contarán tamén cun profesional funcionario de referencia do equipo municipal de servizos sociais para o asesoramento e apoio técnico.

Na planta alta da Escada emprazábase a Asociación de Empresarios de Culleredo, que xa se trasladou á antiga Casa dá Xuventude. Aquí é onde se instalan as tres entidades de referencia no ámbito do desenvolvemento local: a mencionada asociación de empresarios, a asociación de comerciantes, e a asociación de taxistas.

Cada unha delas contará cun espazo nesta antiga Casa da Xuventude, que dende hai uns meses acolle a nova oficina de Correos do Burgo. O departamento municipal de Xuventude presta os seus servizos no Centro de Formación Pablo Picasso.

Con esta medida, o goberno local quere recoñecer o enorme labor que desenvolve o tecido asociativo prestador de servizos sociais e de desenvolvemento local. O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, apunta que ten como obxectivo “facilitar o seu traballo e promover proveitosas sinerxías entre as asociacións”. “As asociacións teñen un papel fundamental dentro dun contexto de crise que pode facer perigar hoxe en día mesmo a súa supervivencia”, sinala.

Co centro municipal da Escada, o alcalde quere “consolidar” a calidade na atención aos usuarios, que reciben servizos excelentes por parte das diferentes entidades. Se trata dunha medida dentro dunha estratexia de reforzo dos servizos sociais locais, tanto os públicos como os promovidos pola iniciativa social, e da coordinación entre ambos os dous, tal e como recolle a lei galega de servizos sociais.

21 de setembro de 2013 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.