Culleredo conmemora a VI edición do Memorial José Ramallo “Pequecho”
O Concello de Culleredo celebrará o próximo sábado, 14 de setembro, o Memorial José Ramallo “Pequecho”, que alcanza este ano a súa VI edición. Decenas de persoas participarán no evento que recorda ao campión cullerdense.
O encontro de motoristas comezará ás 12.00 horas no Centro Loxístico de Ledoño. Ás 13.30 horas desenvolverase a tradicional suba turística a Culleredo, con regreso a Ledoño. Unha comida de confraternización será a antesala a unha tarde con xogos e ruta en moto polos municipios dos arredores.
O memorial contará así mesmo cunha exposición de motos clásicas e motos de Pequecho, que estará instalada durante toda a xornada. A propia Casa do Concello alberga dende a creación deste memorial unha pequena mostra de Pequecho de forma permanente, cunha moto e o mono que usaba.
A xornada será organizada polo Moto Club Culleredo, coa colaboración do Concello a través da Concellaría de Dinamización Local que dirixe Juan Carlos Lovelle.











