publicidade hoxe

Culleredo centrará na Cros o proxecto de renovación de beirarrúas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo ten clara que as obras para incrementar a seguridade vial deben constituír unha das prioridades nas actuacións municipais. E dentro deste ámbito, sinala o alcalde en funcións, José Ramón Rioboo, a dotación de garantías para os peóns supón unha das áreas principais de traballo.

Con este sentido, a Concellaría de Obras que dirixe Narciso Marzoa deseñou un proxecto de intervención nas beirarrúas das zonas urbanas do municipio. Desenvolverase durante os próximos 6 meses nas parroquias do Burgo, Rutis e Vilaboa.

Neste programa de reparacións cobrará especial relevancia a zona de La Cros, no Burgo, que acaparará boa parte das melloras. Trátase dun ámbito especialmente residencial e co uso detectáronse deterioracións nas beirarrúas que agora o Concello reparará. O alcalde en funcións apunta que La Cros serve como lugar de residencia a moitas familias con nenos pequenos polo que o Concello quere poñer “o maior dos empeños” en que dispoñan de espazos reservados para peóns “nas mellores condicións”.

En total, o proxecto, cun presuposto de 24.300 euros, inclúe a reparación de 463,69 metros cadrados de superficie de beirarrúas do municipio. Pero non será a única área de intervención: o plan considera tamén o arranxo de 310,92 metros cadrados de pavimento de zonas de aparcadoiro. Rioboo sinala que os espazos de estacionamento tamén son zonas polas que pasa habitualmente o peón e por iso foron incluídas no proxecto. Por último, o Concello engadiu ao proxecto a dotación de papeleiras ao longo destas zonas. Trátase dun complemento para os veciños que axudarán a manter as rúas máis limpas.

Obras en Hersa

Este plan nas beirarrúas e espazos de aparcadoiro das zonas urbanas do municipio se unirá ás obras de renovación das rúas peonís do Burgo (Hersa e Sanjurjo de Carricarte) que actualmente leva a cabo o Concello. As lousas do pavimento fóronse levantando co tempo, propiciado polo paso de vehículos de peso, o que levou á actuación actual de substitución e arranxo destas.

Ademais de incrementar notablemente a seguridade vial con estas obras, o goberno municipal manterá nas mellores condicións un dos principais focos comerciais do termo.

12 de setembro de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.