publicidade hoxe

Culleredo amplía a 32 propuestas a oferta de actividades sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo lanza un programa de actividades sociais ampliado e co claro obxectivo de atender os ámbitos máis sensibles para os veciños de todas as idades do municipio. A oferta deseñada pola Concellaría de Benestar reúne un total de 32 propostas con diferentes grupos e horarios en centros sociais da zona urbana e tamén do rural.

O Concello estruturou o programa en 7 áreas que atenden ás principais necesidades sociais detectadas. Esas 7 áreas son: a saúde, a autonomía persoal, a vida laboral, a economía, o ocio social, a afectividade e a vida familiar.

En cada unha destas áreas inclúense as diferentes actividades, moitas delas consolidadas entre os veciños de Culleredo e outras de nova creación para satisfacer as demandas recollidas. É o caso das clases de Internet que se desenvolverán para os maiores de 65 anos, unha petición expresa trasladada polos delegados parroquiais á concelleira de Benestar, Guadalupe Pombo, na última reunión.

Este interese dos maiores polas novas tecnoloxías levou ao Concello a introducir tamén unha actividade para ensinar o uso das estendidas tablets entre este colectivo. Estas dúas opcións enmárcanse no ámbito da autonomía persoal, ao igual que a Escola do Saber, os talleres de estimulación mental ou as dinámicas para persoas con diversidade funcional intectual.

De especial atención resultará este curso a área dedicada á vida laboral, con cursos de coidado infantil e cociña ou unha orientación personalizada para impulsar o regreso ao estudo. A muller tamén terá protagonismo neste apartado con xornadas para promover o emprendimiento feminino ou unha mostra de iniciativas da muller no rural.

A economía terá actividades para o aforro no fogar e para a cociña familiar. A afectividade será tratada con taller de emocións ou un novidoso ciclo de cine de xénero.

A vida familiar considera actividades para apoiar os pais na educación ou a paternidade, así como un apoio para coidadores de familiares dependentes, unha importante necesidade. Finalmente, o programa de ocio social para maiores consta de teatro, pintura, artesanía, rutas ou o coro de voces veteranas; e o de saúde, de cociña saudable e ximnasia para maiores con 10 grupos diferentes.

A concelleira de Benestar sinala que se trata dun programa “completo” que atende tanto a colectivos sociais como os maiores, as persoas con minusvalidez ou a muller, pero con múltiples variedades para a poboación en xeral. Pombo anima os veciños a obter toda a información do programa en Servizos Sociais para encontrar a oferta que mellor se adapta ás súas necesidades.

A preinscrición nas actividades iníciase o próximo luns 9 e prolóngase ata o día 19. Nos casos de maior número de solicitudes que de prazas efectuarase un sorteo o 25 de setembro. A programación iníciase o 1 de outubro e finaliza o 27 de xuño 2014.

En canto ás tarifas, existen moitas actividades gratuítas e outras que se rexen polo prezo público. Neste sentido, o Concello aplica descontos ás familias numerosas, voluntarios da oficina municipal ou de Protección Civil, socios do club +65, posuidores do carné novo, persoas en situación de desemprego e persoas con certificado de minusvalidez. Tamén haberá bonificacións por participar en máis dunha actividade.

Pódese consultar o programa completo de actividades sociais na web municipal www.culleredo.es.

O Concello sumará a esta oferta a programación de actividades culturais e deportivas, configurando así un conxunto de iniciativas moi amplo e acorde cos centros de interese e necesidades dos veciños de Culleredo.

4 de setembro de 2013 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.