Crespo visita á centenaria veciña de Madriñán, Adolfina Gallego Rodríguez, de 102 anos

Crespo con Adolfina e o seu fillo
Crespo mantivo un encontro coa “centenaria”, acompañado de Eva González No 2011 cando cumpriu os 100 anos, o Concello rendéralle unha pequena homenaxe con presenza do primeiro edil lalinense e das edís Paz Pérez e Eva González
O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado pola concelleira delegada de zona, Eva González, visitou no día de hoxe a Adolfina Gallego Rodríguez, veciña do lugar da Torre, na parroquia de Madriñán, que vén de cumprir o pasado 31 de agosto 102 anos de idade, efeméride que celebrou nesa tan marcada data acompañada da súa familia e soprando as velas da tarta de cumpreanos.
O rexedor trasladou á Adolfina a noraboa por chegar a sobrepasar o centenario atopándose tan ben de saúde, pudo conversar con ela e entregoulle un detalle institucional -un libro sobre a biografía de Laxeiro e tamén un sobre a historia dos restaurantes de Lalín porque a súa idade aínda practica, aínda con algunha dificultade, a lectura, así un ramo de flores-; o ler foi para ela un hobbie do que gozou ao longo de toda a súa vida.
Crespo indicoulle a esta “representativa” veciña que era unha das persoas lalinenses de maior idade -estímase que en Lalín hai ao redor dunha vintena de veciños con máis de 100 anos- que goza de mellor saúde e que esperaba volver vela con 103 anos para celebralo.
Adolfina atopábase acompañada no día de hoxe no que se celebran as festas parroquias en honor a San Adrián de boa parte da súa ampla familia. E é que tivo catro fillos -un falecido-, e a día de hoxe conta con once netos, catorce bisnetos e un tataraneto.
O primeiro edil lalinense visitara a Adolfina hai dous anos, xusto cando cumpriu os 100 anos, cando se lle rendeu, no campo da festa, unha pequena homenaxe con motivo das festas de Madriñán. Nativa desta parroquia lalinense e de carácter afable rexentou co seu home, tamén de Madriñán, unha cantina e logo un aserradeiro no lugar, ademais de dedicarse á labranza. Cando os seus fillos estudaron tiveron unha casa de comidas en Santiago, e finalmente á xubilación voltaron para instalarse definitivamente en Madriñán.
Un dos seus fillos, Alonso, presente no día de hoxe entregoulle ao alcalde e á concelleira unha oración que recordou a súa nai despois de cumprir os 100 anos e que seguramente a aprendería alá cando tiña catorce ou quince anos. Así mesmo este fillo ten publicado un libro coas cantigas que recorda oralmente a súa nai Adolfina.
Ademais de facer unha foto de “familia”, mostráronlle ao rexedor a casa familiar, cuxa construción data de 1815 como reza unha inscrición recollida nunha das fachadas do inmoble. Como dicían os seus fillos: celebramos o 102 cumpreanos de súa nai e (case) os 200 anos da vivenda familiar. Un dobre motivo para a conmemoración.











