CoruñaFilm converte á cidade herculina na capital da sétima arte
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelo, e o director de notodo.com, Álvaro Matías, presentou esta mañá a primeira edición de CoruñaFilm, un encontro entre profesionais, creadores, estudantes e afeccionados ao cine que converterá á cidade na capital da sétima arte entre o 3 e o 5 de outubro. “O cine ten un gran protagonismo na nosa cidade: varias produtoras teñen aquí a súa sede, temos o privilexio de ser a cidade galega que acolle a Academia Galega do Audiovisual, e somos o escenario dos prestixiosos premios Mestre Mateo que cunha gala anual culminan todo un ano de creación e produción cinematográfica en Galicia. A isto únese a Universidade dá Coruña que imparte o Grao en Produción Audiovisual que garante un gran futuro para o sector”, destacou Fernández.
Así, este evento, que nace co obxectivo de converterse nun dos grandes referentes cinematográficos do país, contará coa presentación dunha trintena de profesionais de recoñecida traxectoria que compartirán experiencias a través de máis de 20 actividades “didácticas, lúdicas, participativas, e todas elas gratuítas, entre encontros profesionais, talleres, debates, rodaxes express, actividades para nenos e adolescentes, proxeccións de curtos e networking”, destacou a concelleira quen engadiu: “Por todo iso, este encontro está dirixido a profesionais da industria do cine, a estudantes e afeccionados, e a todos aqueles que por profesión ou afección queren facer cine; aos que xa o fan e queren compartilo e aos que simplemente teñen curiosidade por coñecer as interioridades da industria. Esta primeira edición de CoruñaFilm é, sen dúbida, unha cita imprescindible que propicia o encontro entre os novos creadores, consagrados cineastas e profesionais da creación audiovisual que xenerosamente se brindan a compartir os seus coñecementos”.
Así, durante tres días, numerosos e recoñecidos cineastas galegos e de todo o país, daranse cita na Ágora.
CoruñaFilm incluirá propostas como Zona de directores; un encontro entre destacados directores como Jaime Chávarri, Santiago Taberneiro ou Jorge Coira, e 20 participantes que terán, logo de inscrición, a oportunidade de mostrar os seus traballos e recibir asesoramento persoal en sesións de 25 minutos. Ademais, as mellores traxectorias que se mostren durante o encontro serán seleccionadas para incorporarse ao programa do proxecto interdisciplinar Novos proposto para o Centro Sociocultural Ágora.
Para aqueles que dedican ou queren dedicarse profesionalmente ao cine, programarase 36h. De cine con Isaki Lacuesta, unha sección na que se organizará un equipo de rodaxe dirixida por Lacuesta cun guión escrito para a ocasión. “En 36 horas montarase esta curtametraxe que contará cun estudio de luxo: a cidade da Coruña. Mesmo pedimos a colaboración dos cidadáns que desexen converterse en extras a través das convocatorias que se realizarán dende a organización”, destacou Ana Fernández.
Durante o encontro desenvolveranse tamén seis talleres intensivos de 4 horas que permitirán abordar áreas específicas como a interpretación e o coaching, a dirección de actores, os dereitos de autor ou a escritura de guións, da man de mestres como Borja Cobeaga ou Jaime Chávarri, a actriz Irene Visedo, recoñecidos directores de coaching como Enio Mejía, guionistas como David Planell, e expertos xuristas como Tomás Rosón.
CoruñaFilm tamén inclúe actividades coa idea de promover a paixón pola sétima arte nas novas xeracións como o taller Rapaces que inclúe dous talleres prácticos a cargo de profesores e pedagogos dirixidos ao público infantil e adolescente, un de animación con plastilina e outro sobre vídeo creación.
Ademais, CoruñaFilm 2013 dirixe gran parte do seu contido ao público amante do cine. Así, fronte a fronte traerá coñecidos profesionais do cine como a directora Paula Ortiz e o actor Álex Angulo ou Paco Plaza e a actriz Leticia Dolera, que comentarán a súa experiencia cinematográfica, acompañados da proxección dos instantes destacados dos seus traballos. Ademais, seis encontros cinematográficos conformarán a parte máis reflexiva do evento analizando a situación na que se encontra o mercado cinematográfico dende a perspectiva de diferentes profesionais e ámbitos de especialización. Como o diálogo que manterán as guionistas Virxinia Yagüe e Verónica Fernández, os produtores José María Besteiro, Luis Manso e Emma Lustres, en La produción en cine, televisión e publicidade; e o actor Sergio Peris-Mencheta en La creación en tempos de crise. A mesa redonda entre profesionais doutras áreas do mundo audiovisual como El cine de animación en España, con Alberto Vázquez Rico e Manuel Cristobal; ou La relación entre o representante de actores e o director de casting, con Antonio Rubial e Sara Bilbatúa; e Do curto ao longo, con Borja Cobeaga e Paula Ortiz.
Promovendo o networking e o intercambio profesional, o CoruñaFilm 2013 deseñou o apartado Citas de cine, que promoverá encontros entre creadores de diferentes especialidades para compartir propostas, proxectos futuros e necesidades profesionais, fomentando simultáneamente a creación de vínculos futuros e sinerxías de traballo entre os participantes.
En torno á curtametraxe xirarán varios encontros e talleres e mesmo se poderán visionar as mellores curtametraxes de Notodofilmfest, o festival de cine de internet de referencia en España. Ademais, acorde coa filosofía desta Concellaría que sempre programa coa vocación de apoiar e servir de escaparate aos mozos creadores, CoruñaFilm 2013 tamén propoñerá a posibilidade de proxectar as curtametraxes daqueles creadores noveis que desexen ver a súa obra en pantalla grande e ante a mirada do público, do que formará parte o criadeiro de profesionais do encontro.
Os obxectivos de CoruñaFilm son ensinar como se fai cine dende diferentes miradas; compartir coñecementos e experiencias; orientar sobra as saídas profesionais; contar, reflexionar e debater os novos modelos de traballo; e orientar os emprendedores que quere comezar a súa andaina no mundo do cine dos pasos que teñen que seguir. En definitiva, un encontro que aspira a ser punto de referencia e de encontro no mapa xeográfico do cine español”, concluíu Fernández.
O prazo de inscricións para as actividades que requiran reserva de praza estará aberta dende o 17 ata o 30 de setembro. Os interesados terán que anotarse na páxina web www.coruna.es/corunafilm.











