Cores Tourís visita as instalacións da escola Saíñas de Poio tras percibir axudas por valor de 600.000 euros dende 2009

Cores Tourís na visita ao centro
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, coñeceu esta mañá a escola infantil Saíñas de Poio, acompañado polo alcalde da localidade, Luciano Sobral e a concelleira de Educación, María Alicia Martínez.
O centro Saíñas, como o resto de escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, recibiu, desde a Consellería de Traballo e Benestar, case 600.000 euros desde 2009, co obxectivo de sufragar custos de persoal, de alimentación, así como outros gastos xerais de mantemento. A Escola Infantil que visitou esta mañá Cores Tourís, situada en Monte Saíñas, conta con 6 unidades e un total de 94 prazas.
En total, tal e como recordou Cores Tourís, durante o presente ano, a Consellería de Traballo e Benestar investirá preto de 2 millóns de euros para manter preto de 1.700 prazas en escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro na provincia de Pontevedra. En toda Galicia contarase cun orzamento de máis de 3 millóns de euros para manter unhas 2.700 prazas.
As entidades deben cumprir, entre outros, criterios como adaptar as tarifas ás contías máximas dos prezos dos centros de titularidade pública; ou prestar servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás festivos sinalados ou salvo causa xustificada.
Esta liña de axuda vén a complementar a oferta da rede pública dependente do Goberno galego, xa que presta o seu servizo nas mesmas condicións que estes centros no marco do interese do departamento autonómico por favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Isto é, ademais, un dos obxectivos fixados no Plan de dinamización demográfica, aprobado no Parlamento galego.
Ao longo da pasada lexislatura, creáronse 3.000 prazas públicas en escolas infantís da rede da Xunta en toda Galicia. E, de feito, na convocatoria do curso 2012/13 ofértanse 8.267 prazas nesta rede da Galiña Azul, 406 máis que no curso anterior.
En total, o número de prazas 0-3 sostidas con fondos públicos este curso sitúase arredor das 19.000, xa que a estas prazas da Xunta súmanse as de escolas municipais, de entidades de iniciativa social e arredor de 1.000 prazas de cheque infantil.











