Convócase un concurso escolar para participar nunha exposición do Aquarium Finisterrae

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, invita os escolares a participar nun concurso no que realizarán o deseño dunha vaca decorada con motivos relacionados coa acuicultura, que será o tema dunha exposición que se está a preparar para o Aquarium Finisterrae.

O deseño que resulte gañador servirá para pintar unha escultura a tamaño real dunha vaca que formará parte da nova exposición do Aquarium. De xeito similar a como aconteceu no Neolítico, cando o desenvolvemento da agricultura e a gandaría constituíu unha revolución, na actualidade a acuicultura representa outra revolución dos cultivos, neste caso mariños. Así, a vaca, un dos primeiros animais que se domesticaron na época antiga, tería o seu equivalente actual nos peixes e demais especies do mar obxecto da acuicultura. Por este motivo, e seguindo a idea das esculturas de vacas decoradas con variados deseños que puideron verse en moitas cidades, pídese aos escolares que deixen voar a súa imaxinación e que deseñen a súa vaca da acuicultura.

Para participar hai que descargar un bosquexo de vaca sobre o que se realizará o deseño na seguinte dirección: mc2coruna.org/docs/boceto-vaca-acuicultura.jpg

Os debuxos enviaranse á Domus (cale Anxo Rebolo, número 91, 15002
A Coruña), entregalos na recepción da Domus, ou remitilos ao correo electrónico fran@casaciencias.org. Os debuxos deben ir acompañados de nome e apelidos do autor, idade, curso, centro educativo no que estuda, teléfono, dirección postal e correo electrónico de contacto. Só se poderá enviar un deseño por participante. O prazo para participar remata o 30 de outubro.

26 de setembro de 2013 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.