Continúan as xuntazas de urbanismo para axilizar a revisión de alegacións ao PXOM
A Comisión de Urbanismo mantivo o venres 6 de setembro unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Despois de que se estudaran todas as alegacións correspondentes aos rangos 1 – parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- en todas as parroquias excepto Razo (área que se estudará máis adiante debido á complexidade e á elevada cantidade de reclamacións), desta volta revisáronse as alegacións de rango 2 -de parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -de parcelas incluídas en actuacións integrais- correspondentes coa parroquia de Lema.
Continúase así co proceso para os rangos 2 e 3 que se realiza por orde alfabética e que xa está rematado nas parroquias de Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Cances, Entrecruces e Goiáns nun proceso destinado a concluír coa resolución das alegacións encadradas no medio rural o antes posible. Os técnicos e representantes dos catro grupos políticos da corporación manterán unha nova reunión o martes 10 de setembro a partir das 17.00 horas, xa que o obxectivo é manter dúas xuntanzas á semana para axilizar o proceso.











