Continúan as visitas municipais aos centros educativos de Ames previas ao comezo do curso escolar
O concelleiro de Educación de Ames, Bernardo Moar, visitou esta mañá o CEP de Ventín, situado na localidade do Milladoiro, para comprobar o avance das obras de ampliación do centro educativo. Esta visita enmárcase na ronda que o concelleiro está realizando polos centros educativos de Ames previa ao inicio do curso escolar, que comeza o vindeiro mércores, 11 de setembro. O obxectivo destas visitas é comprobar que todo estea a punto para a posta en marcha das clases.
Na súa visita ao CEP de Ventín, o concelleiro de Educación mantivo unha reunión co director do centro educativo, Alfredo Rodríguez, e co delegado da empresa que está acometendo os traballos. Tras a visita ao colexio, Bernardo Moar destacou “a boa marcha das obras de ampliación do centro, onde xa está rematada a cuberta e están facendo xa as divisións interiores”. Ademais, subliñou “o bo estado do resto do centro, onde se desenvolverán as clases”.
O concelleiro de Educación tamén fixo fincapé en que “as obras se desenvolverán fóra do horario lectivo, como xa destacara o conselleiro de Educación na súa visita realizada o pasado mes de agosto”. Bernardo Moar lembrou que “se trata dunhas obras de ampliación moi demandadas pola veciñanza amiense e que permitirán dar resposta ás necesidades que presenta o centro educativo”.
Ademais, destacou que o Concello de Ames está levando a cabo importantes esforzos para o acondicionamento do CEP de cara ao inicio do curso. A brigada municipal xunto cun equipo de traballo de reforzo están realizando labores de limpeza no centro educativo.
A ampliación do CEP de Ventín permitirá incrementar en 6 o número de unidades do centro, o que permitirá dar servizo a 150 alumnos e alumnas máis. Para iso, ampliarase a ala sur do colexio tanto en superficie, anexando unha zona totalmente nova, como en altura, incrementando unha planta en toda a superficie. A nova superficie resultante aloxará 8 aulas de educación primaria, apoio e desdobre, así como un patio cuberto. Por outra banda, modificarase a distribución actual do edificio reubicando determinados espazos; e darase unha renovación xeral das instalacións, de tal forma que se actuará case na totalidade da edificación.











