Continúa o ciclo de documentais de autores galegos coa proxección de “Contra a morte”, sobre a vida de Lois Pereiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O ciclo de documentais organizado pola Concellería de Cultura, que deu comezo o pasado mércores coa proxección de “Señora de” de Patricia Ferreira, continúa mañá coa proxección do documental “Contra a morte”. Dirixida polos galegos Alexandre Cancelo e Iago Martínez, a peza descobre o percorrido visual do monfortino Lois Pereiro, ao que se adicou o Día das Letras Galegas en 2011, así como unha perspectiva dos seus vinte anos de creación literaria. A sesión dará comezo a partir das 22 h, con entrada gratuíta, nas escaleiras da Igrexa de Santa María Nai, no lateral da Praza Maior.

“Contra a Morte” é o nome do poema 14 de Poesía última de amor e enfermidade, o último poemario que editou con vida Lois Pereiro antes de sucimbir á enfermidade no 1996. E para levalo a cabo, os directores entrevistaron familiares e amigos do finado cun amplo traballo de documentación que comeza en 2006 e abarca a máis de 150 horas de gravación que pasan por Galicia, Madrid e Berlín. Unha oportunidade única para coñecer as testemuñas dos seus irmáns, Xosé Manuel e Inés Pereiro, da súa nai, ou dos seus amigos máis íntimos (entre eles Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, Suso Iglesias..), entre outras persoas próximas ao poeta.

O ciclo de documentais continuará con “As Encobras”, o mércores 25, e “Marea”, o 2 de outubro.

17 de setembro de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.