Continúa a recollida de plásticos agrícolas polas parroquias lalinenses
Esta campaña promovida desde a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Manuel Fernández desenvolverase na totalidade das parroquias lalinenses
Desde que deu comezo a mediados de setembro, a campaña de recollida de silos e plásticos agrícolas desenvolveuse en máis dunha trintena de parroquias. A vindeira semana chega a outros dezanove lugares. Así o indica o concelleiro de Actividade e Produción Agraria, Manuel Fernández, que precisa que os días sinalados para que os veciños podan depositar estes residuos nos puntos habilitados son o luns, 30 de setembro; e o 1 e o 2 de outubro. A recollida está fixada para o 3 de outubro.
Os ditos puntos para o depósito destes materiais altamente contaminantes serán: o campo de fútbol de Cercio ou xunto ao centro social de Palmou para os veciños de Galegos, Cercio, Palio, Rodís, Camposancos, Cello, Val, Palmou e Cangas; xunto ao centro social de Donsión para Donsión e Donramiro; a estrada vella de entrada a Meixomín e xunto ao campo de fútbol das Lamas de Cadrón, para Muimenta, Parada, Alperiz e Carballeda e, por último, ao lado da cooperativa de Castro, para Albarellos, Alemparte e Castro de Cabras.
Esta campaña continuará ata chegar á totalidade das parroquias lalinenses; é importante que os gandeiros depositen o maior número de plásticos durante o desenvolvemento deste programa, porque unha vez rematada, e ata novo aviso do Concello non poderán facer máis entregas destes materiais, agás no Punto Limpo do Polígono Lalín 2000 onde teñen posibilidade de deixalos ao longo de todo o ano.
Os ditos residuos deberán estar atados en fardos, non poderán levar restos de terra, herba ou calquera outro material e así mesmo está prohibido depositar garrafas de plástico; tan só plásticos de silo.
A través desta iniciativa municipal trátase de conservar o medio rural e de contribuír a unha maior protección medioambiental, pois estes plásticos causan unha enorme contaminación se se depositan no campo.
A finais de decembro ou principios de xaneiro está previsto que se desenvolva unha nova campaña de recollida.











