Conclúen as tarefas de mellora dos colexios do municipio días antes do inicio do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O mércores da próxima semana, día 11 de setembro, comezará o curso escolar 2013-2014 para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil, educación especial e educación primaria, iniciándose, por tanto, a actividade no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco, Caión, A Revoltiña de Soandres e tamén no centro de educación infantil (escola unitaria) de Cumiáns, na parroquia de Montemaior.

Aproveitando o cese da actividade nos centros durante o verán, o Concello da Laracha, en coordinación coas direccións dos colexios, acometeu unha serie de actuacións de mantemento e reparación para que tanto as instalacións como os equipamentos estean en perfectas condicións para recibir o novo curso escolar e, deste xeito, facilitar a labor tanto do persoal dos centros como dos docentes e, por suposto, do alumnado.

No CEIP Otero Pedrayo da Laracha realizouse unha actuación dirixida a mellorar a instalación eléctrica do edificio de infantil, foron colocados paneis de corcho en diferentes estancias, revisouse o parque infantil, renováronse os vestiarios e acometeuse o novo pintado e a corrección de humidades, principalmente nos ximnasios, patio cuberto e na cociña do comedor.

Pola súa parte, no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco realizáronse melloras na rede de calefacción co obxectivo de optimizar o seu uso e están a ultimarse os traballos no peche perimetral consistentes na instalación dunha malla sobre os muros.

Salientar, por último, que na totalidade dos centros se levaron a cabo as correspondentes labores de mantemento e posta a punto para que todo o equipamento estea preparado de cara ao inicio da actividade. Ademais, antes do mércores completaranse as labores referidas á completa limpeza interior e exterior das instalacións, traballos que se realizan en datas próximas ao comezo do curso para unha maior eficiencia dos mesmos.

Durante todo o ano o Concello da Laracha mantén unha comunicación fluída cos equipos directivos dos centros de ensino, o que permite ao grupo de goberno coñecer de primeira man as necesidades que neles se presentan, realizándose a maioría das actuacións durante o verán aproveitando o cese da actividade nestas datas.

IES Agra de Leborís

O comezo das clases no IES Agra de Leborís, no que cursan os seus estudos alumnos de secundaria e bacharelato, está previsto para o luns día 16 de setembro.

Neste caso, o Concello da Laracha está a acometer o novo pintado da pista do pavillón polideportivo, incluíndo o completo remarcado das liñas das diferentes modalidades deportivas que se practican nesta instalación.

Por outra banda, o Concello da Laracha tamén colaborou co propio centro na renovación do ximnasio. Realizouse o pulido e barnizado do solo e o novo pintado das paredes laterais para unha maior comodidade dos usuarios.

5 de setembro de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.