Concello de Ourense, Universidade e autónomos únense aos axentes económicos e sociais para colaborar no Pacto polo Emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Universidade de Vigo e a Asociación de Autónomos de Galicia, AUGA súmanse ao Pacto polo Emprego, constituído o pasado día 4 de setembro polo Concello de Ourense e os axentes sociais e económicos para a elaboración dun Plan de Emprego na cidade. Universidade e autonómos achegarán así as súas propostas e aportacións aos traballos cos que o Concello pretende consensuar para a implementación de medidas que permitan estimular a creación de emprego, ás que se destinará un investimento duns tres millóns de euros de fondos municipais.

O pasado día 4 de setembro celebrouse a xuntanza de constitución deste órgano, no que participan representantes do Concello de Ourense, con presenza dos catro grupos políticos, a Confederación Empresarial de Ourense e os sindicatos UGT, CC OO e CIG. Os membros acordaron convidar tamén a unirse á iniciativa á Xunta de Galicia, como administración con competencias en políticas activas de emprego, ademais da Universidade e ao colectivo de autonómos.

Trasladado o convite para a xuntanza de hoxe á delegación provincial da Xunta de Galicia, esta excusou a súa asistencia por motivos de axenda.

A xuntanza mantida esta tarde no Centro de Iniciativas Empresariais contou coa participación de:

– José Ángel Vázquez Barquero, concelleiro de Emprego e Promoción Económica

– Beatriz Tejada (concelleira do PP)

– Xosé Somoza, voceiro do BNG

– Gonzalo Pérez Jácome, voceiro de DO

– Ana Barrios, do sindicato CC OO

– José Luis Fernández Celis, de UXT

– Etelvino Blanco, da CIG

– José Manuel Pérez Canal, da CEO

– Lisardo Domínguez, da asociación de autónomos

– María Lameiras, vicerreitora da Universidade de Vigo – Campus de Ourense

– Alberto Vaquero, economista do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo

Ao longo da sesión, axentes sociais e económicos intercambiaron propostas de medidas para a implementación do plan de emprego municipal.

A Universidade de Vigo, presentou un documento de reflexións acerca das posibilidades de desenvolvemento do Plan de Emprego, na que propón 8 posibles eixos de actuación:

– Elaboración dun plan territorial de emprego

– Asesoramento e orientación laboral aos desempregados

– Promoción do emprego asalariado/autónomo

– Participación en actividades de mellora do emprego en REDE (iniciativas autonómicas, nacionais e internacionais)

– Fomento da Cultura do Emprendedurismo

– Apoio á creación e desenvolvemento de pemes

– Fomento da igualdade de oportunidades

– Protección específica a colectivos con graves problemas de inserción laboral.

Os colectivos participantes no Pacto Polo Emprego remitirán ao Concello de Ourense durante os próximos días as propostas de medidas que desexen plantexar no marco do Plan de Emprego, coa finalidade de elaborar un documento integrador que sirva de punto de partida para analizar na vindeira reunión do Pacto, que terá lugar o martes, día 24 de setembro.

 

13 de setembro de 2013 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.