Comezan as tarefas de limpeza na área verde integrada no ámbito do parque empresarial

Tarefas de limpeza
O Concello da Laracha comezou a desenvolver as labores de limpeza na extensa área verde que está integrada no ámbito do parque empresarial e que se sitúa contigua ao río Vilán, na parte sur da zona industrial e xunto ás estradas que comunican O Cancelo (parroquia de Cabovilaño) coa parroquia de Lendo e co núcleo de Arén
Esta área verde é a máis extensa do municipio ao presentar unha superficie total de 45.000 m2 . Posúe unha gran riqueza medioambiental ao contar cunha densa vexetación arbórea autóctona, sendo as especies máis visibles, entre outras, carballos, freixos, abeneiros, bidueiros e castiñeiros.
A súa principal posta en valor realizouse hai agora dous anos, concretamente en outubro de 2011, xa que o seu acondicionamento como unha nova área verde pública foi unha actuación incluída no proxecto de urbanización do polígono industrial da Laracha.
As brigadas municipais do Concello da Laracha, coincidindo co inicio da época de menor crecida da biomasa vexetal, comezaron hoxe a acometer as labores oportunas de mantemento, limpeza, acondicionamento, conservación e posta en valor desta singular espazo natural público que está a disposición de todos os veciños e visitantes do noso municipio.
O Concello aposta pola recuperación das ribeiras dos ríos
A creación e mantemento en bo estado deste espazo natural integrado no ámbito do parque empresarial e situado a carón do río Vilán é soamente un dos moitos exemplos da aposta que o Concello da Laracha está a facer por poñer en valor tanto os leitos dos río como as súas ribeiras.
Os exemplos máis claros foron a creación –e posterior ampliación- da área recreativa de Gabenlle e dos paseos fluviais dos ríos Anllóns e Vilán –incluíndo a restauración de varios muíños de auga-.
Mais recentemente foi establecido un couto de pesca no Anllóns e a finais do pasado verán acometeuse a limpeza da vexetación dun extenso tramo dese mesmo río, labores que se pretenden realizar, tamén, nos ríos Vilán, Bradoso e Acheiro.
Salientar, ademais, que o Concello da Laracha ten solicitado incluír na Rede Natura 2000 a totalidade das ribeiras dos ríos que discorren pola termo municipal.











