Comezan as obras de mellora das instalacións da Cidade Deportiva da Torre

Visita de Mourelo ás instalacións
O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, visitou esta mañá a Cidade Deportiva da Torre con motivo do inicio dos traballos de renovación destas instalacións que son utilizadas por unha media de mil persoas ao día: “O Concello investirá 519.540 euros, o que supón un aforro do 10% con respecto ao presuposto de licitación, en acondicionar o campo de hóckey-fútbol, que levaba sen renovarse 20 anos e estaba moi deteriorado,” informou.
Tal e como explicou, as obras, que teñen un prazo aproximado de 2 meses, comezaron esta mesma semana e o obxectivo é construír un campo de herba multifuncional que se poderá adaptar para a práctica deportiva do hóckey, fútbol 7 e fútbol 11: “Executarase segundo as dimensións regulamentarias, con céspede artificial de última xeración, unha rede de rego con programador para o seu control automático e bancadas prefabricadas de baixo impacto visual debido á proximidade da Torre de Hércules,” asegurou. Neste sentido, aclarou que esta actuación se axusta ao Plan Especial da Península da Torre.
Francisco Mourelo engadiu que entre as actuacións que se levarán a cabo tamén está prevista a instalación de dúas pistas de pádel para dar servizo á gran cantidade de afeccionados a este deporte que existe na cidade.
O responsable de Deportes destacou que esta actuación é unha mostra máis do compromiso do Goberno local co fomento do deporte base e recordou outras actuacións, como a recente licitación da construción de dous campos de fútbol en San Pedro de Visma ou o acondicionamento do ámbito do Pazo Municipal de Deportes que comezou o pasado mes de agosto: “Grazas a todo este conxunto de actuacións garantimos que todos os nenos, mozos e adultos coruñeses poidan gozar do ocio e do deporte nunhas instalacións axeitadas e de calidade”, concluíu.











