Comezan as melloras nos centros educativos de Cambre ante o inicio do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal
A-
A+

A Concellaría de Ecuación realizou durante este verán varios arranxos e obras menores nos centros escolares do municipio en previsión do inminente inicio do curso escolar 2013-2014 do alumnado de Educación Infantil e Primaria que dará comezo o próximo mércores 11 de setembro.

A edil de Educación, María Jesús González, destaca que as obras menores trataron de satisfacer as demandas dos colexios e por iso se levaron a cabo actuacións en todos os centros educativos. Destacan entre outras a ampliación do comedor en colexio de Sigrás, a nova porta de emerxencia na Escola Infantil de Cecebre, o pintado exterior da Escola Infantil de Santa Mª de Vigo, pintado aulas, comedor e corredores e soleira de formigón na zona de cociña no Wenceslao Fdez. Flórez de Cambre, a pintura do muro exterior, tabicado comedor, cambio canalizacións, valado exterior da pista polideportiva colexio Portofaro, o pintado de xogos en patio do colexio Graxal e o pintado corredores e sala profesores do colexio de Brexo-Lema. O Concello realizou un investimento aproximado de 34.000, 00 euros e non descarta realizar algunha obra menor máis antes de que arranque o curso escolar. Algunhas das obras como a porta de emerxencia da escola de Cecebre e a ampliación do comedor do CEIP de Sigrás están a punto de finalizar e estarán listas antes de que arranque o curso escolar. Recollemos as propostas de pais e profesores sobre as melloras nestes centros, eles son os nosos mellores conselleiros. O meu compromiso é que estas obras axuden a mellorar a calidade educativa e o benestar dos nosos escolares”, apuntou González Roel.

Ademais deseñou unha serie de programas e actividades dirixidas aos escolares do municipio como obradoiros para bebés, xogos en inglés para nenos e nenas, encadradas dentro do programa de actividades a realizar na Casa da Cultura Vila Concepción, cuxo prazo de inscrición finaliza o día 14 de setembro; actividades educativas tales como minitenis, ciclismo, xadrez, xogopeques, informática, xogos en inglés e Educar xogando (para bebés dende 1 mes ata os 3 anos), cuxo prazo de inscrición comeza o próximo día 13 de setembro e ata o 23 do mesmo mes.

E para os pais e nais, a Escola de nais e pais con sesións dirixidas a cada etapa educativa, infantil, primaria e secundaria, cuxo prazo de inscrición está xa aberta e finaliza o 12 de setembro.

Para inscribirse hai que cubrir a ficha de solicitude correspondente e presentala en calquera dos rexistros municipais e para obter calquera información poden chamar o departamento de Educación do Concello de Cambre ao teléfono 981 613 291.

4 de setembro de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.