Comezan as labores de conservación das rúas Alexandre Bóveda, avenida de Bos Aires e Eduardo Pondal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá a denominada “Operación asfalto” con traballos de conservación e mantemento de distintas rúas do centro urbano para reparar pavimentos en mal estado, que se van deteriorando co paso do tempo, e especialmente, coas copiosas chuvias do pasado inverno. Dentro desta operación está a mellora dos pavimentos da rotonda de Alexandre Bóveda, a avenida de Bos Aires en distintos puntos, Eduardo Pondal, Loureiro Crespo, Enrique Marescot, Germán Adrio, Conde Bugallal… e así até completar unha listaxe dunhas 30 rúas do centro urbano.

A primeira fase vaise desenvolver entre os meses de setembro e outubro, cando está previsto arranxar 10 rúas. Ademais das anteriores tamén
está en carteira reparar diversos treitos de Loureiro Crespo, A Santiña, Enrique Marescot e Prudencio Landín. O investimento previsto nesta primeira fase é de 500.000 euros.

As obras comezaron esta mañá polo asfaltado da rotonda situada entre Alexandre Bóveda e Rafael Areses, xunto á sede da Policía Local. Esta
obra obrigou ao peche da glorieta dende as 08.30 horas que se voltará abrir ao tráfico ao longo da xornada de mañá, martes. A Policía Local, encargada de xestionar a organización do tráfico durante o transcurso de todos os asfaltados, garante o acceso á cidade pola rúa Alexandre Bóveda, e ao aparcadoiro do Recinto Feiral. Péchase o carril de saída da Ponte dos Tirantes, desviándose a circulación cara á Ponte de Santiago.

Mañá martes, 3 de setembro, está previsto arranxar un primeiro treito na avenida de Bos Aires, á altura da antiga sede de Maxisterio, fronte ao
pavillón da Universidade. As obras comezarán e rematarán pola tarde. Está garantida a circulación en sentido ponte de Santiago – ponte dos Tirantes, e desvíase en sentido contrario pola ponte dos Tirantes.

Esta semana, a operación asfalto completarase co arranxo de Eduardo Pondal, dende a rotonda con Doce de novembro até Vialia. Está previsto para o mércores, 4 de setembro cando se pechará a rúa a partir das 08.30 horas.

Pecharase o carril de saída da cidade (sentido Doce de novembro- rúa da Estación), e manterase aberto o sentido contrario (de entrada á cidade). A rúa abrirase ao tráfico ao longo da xornada do xoves, 5 de setembro. Na vindeira semana (9 ao 15 de setembro), as actuacións
trasladaranse ás rúas Conde de Bugallal, Germán Adrio e avenida de Bos Aires entre a praia fluvial e a nova ponte de Monte Porreiro.

2 de setembro de 2013 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.