publicidade hoxe

Comezan a substituirse as lousas nas rúas peonís do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+
Substitución das lousas

Substitución das lousas

O goberno de Culleredo comezou os traballos de renovación do pavimento das rúas peonís do Burgo. A empresa adxudicataria da obra xa visitou onte a zona e comezou o traslado de material para iniciar na mañá de hoxe a actuación.

Os traballos empezaron na rúa Hersa, nas inmediacións da confluencia coa cale Sanjurjo de Carricarte, que será obxecto da mellora unha vez finalizada na primeira. Os operarios proceden á substitución das baldosas danadas ou levantadas por unhas novas e así conferir á rúa o aspecto e seguridade necesaria.

O desenvolvemento da obra levou o Concello de Culleredo a establecer un plan especial de tráfico, xa sinalizado na zona. A rúa Sanjurjo de Carricarte convértese de forma provisional nunha vía de sentido único, dende a avenida de Ribados ata a praza de Galicia. Esta é a alternativa que deben tomar os residentes para o acceso aos garaxes. Os danos nas baldosas foron causados polo paso do tempo e pola circulación de vehículos de gran peso. Isto levou ao Concello a precintar os colectores soterrados na unión de Hersa e Sanjurjo de Carricarte e crear unha zona específica para o depósito de lixo na avenida de Ribados.

Non obstante, os veciños da zona alertaron de que existen persoas que deixan as bolsas do lixo na rúa Hersa, xunto aos colectores, a pesar dos avisos que alí constan. Isto constitúe unha conduta incívica que o Concello procederá a sancionar de inmediato de persistir. En concreto, trátase dunha conduta tipificada como infracción na ordenanza municipal de protección do medio:

INFRACCIÓNS

Sección 1. ª: infraccións ao réxime de residuos.

Art.º 288. -En todo caso, constituirán:

1. Infraccións leves: cando a conduta sancionada afecte ás operacións de recollida de residuos.

Sección 2. ª: infraccións ao réxime de limpeza urbana.

Art.º 289. -En todo caso, constituirán:

1. Infraccións leves:

Botar ou depositar residuos, desperdicios e lixos nas vías públicas ou privadas, en os seus accesos e soares, ou en terreos valados ou sen valar. Cada unha destas sancións ten aparellada unha sanción de ata 750 euros, polo que quen cometa esta conduta podería ser sancionado con ata 1.500 euros.

10 de setembro de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.