Comeza a súa actividade a primera empresa que se asenta no polígono de Cuiña ao abeiro dunha subvención municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O alcalde Rafael Girón visitou onte as instalacións que estrea no municipio a axencia exclusiva Eje Atlántico 3000, mediadores do Grupo Generali Seguros. A firma, que esta semana iniciou a súa actividade en Ortigueira, é a primeira empresa que o Concello logra atraer ao abeiro da liña de subvencións municipais para impulsar a xeración de emprego no polígono industrial de Cuiña. A compañía fixo unha aposta decidida pola localidade, creando un total de 25 postos de traballo estables.

O que ata agora era un anuncio político é xa un feito. Concluído o proceso de formación dos seus teleoperadores, a axencia Eixe Atlántico 3000 activou onte en Ortigueira o seu novo call center, unhas modernas instalacións que permitirán reforzar a súa actividade e ampliar a cobertura da súa rede de oficinas na Península.

Como adiantou no seu día Rafael Girón, que xestionou de forma directa as negociacións para atraer á axencia, a empresa fichou a nada menos que 25 persoas da zona que se encontraban en situación de desemprego e que, a día de hoxe, contan xa con contratos indefinidos para ocuparse da venda telefónica de pólizas de seguros dunha das liñas de negocio da multinacional Generali.

Durante a visita, o alcalde ortegano felicitou os novos traballadores e puxo en valor o carácter estable dos empregos creados. Girón mostrouse “satisfeito de ter logrado captar para Ortigueira unha empresa en expansión, coa experiencia que acredita no seu sector Eje Atlántico 3000,”. “Na actual conxuntura económica, é un luxo contar cunha compañía capaz de xerar 25 postos de traballo”, sentenciou. Pola súa banda, dende a compañía agradeceuse o apoio recibido por parte do goberno local e incidiuse no compromiso firme adquirido coa localidade.

Finalmente, o primeiro edil de Ortigueira subliñou os bos resultados do ambicioso programa de axudas municipais, activado en febreiro e dotado con 300.000 euros, para fomentar durante o 2013 que novas empresas se asenten na área empresarial de Cuiña e cren empregos. Así, ademais de Eixe Atlántico 3000, prevese que poida beneficiarse da liña de subvencións a conservera Mar de Ardora e, tal e como avanzara na inauguración da Variante de Ortigueira, unha terceira empresa manifestou tamén o seu interese.

10 de setembro de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.