Colaboración entre administracións para o desenvolvemento do polígono de Vío como plataforma de apoio ao porto exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O Concello da Coruña e a Autoridade Portuaria subscribiron esta mañá un protocolo de colaboración coa entidade Promotora Urbana de Vío, encargada da promoción do parque industrial de Vío, un polígono que se converterá nunha peza estratéxica no desenvolvemento do porto interior urbano e, sobre todo, da dársena exterior de Punta Langosteira.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, asinaron este protocolo coa Promotora Urbana de Vío, representada por Manuel Jove e José Collazo. Grazas a este acordo, a Autoridade Portuaria autorizou a promotora a denominar o polígono, situado nas inmediacións de Pocomaco e polo tanto moi próximo a Punta Langosteira, como Zona de Actividades Loxísticas de Vío – Porto da Coruña.

O polígono industrial de Vío conta cunha superficie de 697.580 metros cadrados e estímase que o seu desenvolvemento e implantación de empresas pode xerar ao redor de 10.000 postos de traballo, entre directos e indirectos. Este desenvolvemento engloba dende os traballos de obtención de terreos ata a urbanización do sector, a conexión aos sistemas xerais de infraestruturas ou a comercialización de chan para uso industrial e comercial dedicado a clientes para a implantación das súas empresas. Ademais, inclúe espazos libres públicos e chan para equipamentos.

A denominación Zona de Actividades Loxísticas de Vío – Porto da Coruña poderá utilizarse en todo tipo de comunicacións e accións de promoción, tanto por parte das administracións públicas coma por parte da propia sociedade promotora. Esta medida beneficiará a todas as entidades asinantes e, sobre todo, favorecerá o impulso do polígono de Vío como plataforma loxística vinculada directamente tanto ao porto exterior como ao interior.

O parque empresarial de Vío supón que o porto coruñés pasa a contar cunha gran bolsa de superficie loxística e industrial fóra do recinto de dominio público portuario, o que á súa vez supoñerá un novo revulsivo na promoción de Punta Langosteira de cara á implantación de novas industrias e á ampliación das instalacións das empresas concesionarias, contribuíndo dese modo a alcanzar a plena operatividade das novas instalacións.

Con este protocolo, o Concello ratifica unha vez máis o seu compromiso de establecer un diálogo permanente con todas as administracións -neste caso, coa Autoridade Portuaria- para desenvolver proxectos que beneficien aos cidadáns e permitan entre todos construír unha cidade mellor. De feito, o acordo supón un paso máis no desenvolvemento empresarial e industrial da Coruña e pon de manifesto a decidida aposta do Goberno local pola expansión do porto exterior como motor económico e de xeración de emprego e riqueza para
A Coruña e a súa área de influencia. A Promotora Urbana de Vío verase beneficiada no seu plan de promoción e desenvolvemento ao estar vinculada estreitamente ao porto coruñés, o que supón un importante valor engadido en termos de loxística e promoción da calidade das súas instalacións.

EIXE INDUSTRIAL DE REFERENCIA

O protocolo de colaboración senta ademais as bases para o desenvolvemento de accións conxuntas para o fomento de actividades industriais, comerciais e empresariais, aproveitando sinerxías e favorecendo o intercambio de información a través dun grupo de traballo dedicado a alcanzar o obxectivo común de que o polígono industrial de Vío se converta nunha plataforma loxística de referencia no desenvolvemento industrial vinculado á actividade portuaria.

Para desenvolver estas accións constituirase unha comisión mixta formada por representantes de cada unha das entidades asinantes, que se encargará de establecer unha metodoloxía de colaboración e de marcar as directrices e necesidades de cara ao máximo aproveitamento da Zona de Actividades Loxísticas de Vío – Porto da Coruña.

A Autoridade Portuaria incorporará de inmediato ao seu programa de comercialización do Porto Exterior este novo valor engadido para o desenvolvemento das novas instalacións de Langosteira, dando a coñecer o potencial desta zona loxística tanto ás numerosas empresas e entes portuarios cos que estableceu contactos ata o momento coma nas misións comerciais a desenvolver no futuro. Este protocolo subscribiuse nun momento óptimo para a captación de novos clientes, co Porto Exterior xa operativo dende agosto de 2012 e en plena execución das obras complementarias da terceira fase.

5 de setembro de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.