Christina Rosenvinge presenta “La joven Dolores” no teatro Jofre de Ferrol
A cantautora Christina Rosenvinge, presentará o sábado 21 no Teatro Jofre o seu último disco “La joven Dolores”, dentro do ciclo “Son(S) do Jofre” da Concellería de Cultura, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado. O concerto dará comezo ás 20:30 horas e as entradas poden ser adquiridas de maneira anticipada no despacho do teatro municipal ou a través de internet, na páxina oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Christina y Los Subterráneos, un dos seus grupos máis coñecidos, naceu en 1991 e publicou dous discos, un aquel ano e outro en 1994. Antes, a Rosenvinge xa participara noutros grupos adscritos á movida madrileña, entres eles o dúo Alex e Christina, con éxito desigual. Pero cansou de “facer cancións bonitas” e en 1999 marchou a vivir a Nova York. En 2001 publicou Frozen pool, o seu primeiro traballo discográfico integramente en inglés, e introduciuse na constelación indie americana, onde deu numerosos concertos tanto en Estados Unidos como en Xapón. En 2002 publicou Foreign land e en 2006 Continental 62, co que pechou a triloxía anglosaxona mantendo a calidade do seu pop vangardista. Os seus dous últimos traballos, xa de volta dos Estados Unidos, son de novo en español, con letras próximas á autobiografía e sabor un chisco máis doce nas melodías.
Último disco
Christina Rosenvinge, unha das voces femininas indiscutibles da escena indie española, volve ao Teatro Jofre, onde xa actuou hai catro anos, para presentar o seu último traballo discográfico La joven Dolores. Un álbum que xerou moitas expectativas, cualificado como “obra mestra” na revista Rolling Stones, e co que demostra que é capaz de reinventarse a si mesma e desmontar todos os mitos.











