Chévere prensenta tres novas sesións da Ultranoite na Ramallosa
O mes de setembro volve con tres sesións da Ultranoite de Chévere na Ramallosa. Concretamente están programadas para os días 21, 27 e 28 de setembro no Centro Sociocultural da Ramallosa ás 23:00 horas. Chévere é compañía residente do Concello de Teo dende o 2012.
Segundo indican dende Chévere esta será unha Ultranoite atenta, coma sempre, ós temas de actualidade e ós debates públicos. Aínda que estarán revisados co inevitable sarcasmo propio deste formato xa consolidade na escena do teatro galego. Deste xeito os números desta revista radical de actualidade centraranse “no inevitable “relaxing café con leche” e as candidaturas olímpicas 2020 vistas por mascotas veteranas, a batalla dialéctica polo Peñón, as tribulacións da infanta Shakira de Borbón…”. Esta Ultranoite titularase “Dimisión imposible” “porque aquí non dimite nin dios pase o que pase” indican. Chega o concepto “Relaxing Ultranoite” no que terán cabida tamén Bárcenas, a marca España ou as touradas en Galicia.
Estas Ultranoites contarán coa participación de Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Xron, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, e a colaboración especial de Cristina Balboa e o grupo Triateiros de Vigo.
As entradas xa se poden mercar no portal http://redenasa.tv/es/ ou na Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo) e m` café (rúa Fonte de Santo Antonio, Compostela). Se se merca a entrada por internet pódese seleccionar a opción do ultrabús. Este servizo de autobús sairá de parada de autobuses de Puente Castro-A Rosa ás 22:05 horas e fará unha parada en Pontepedriña. A volta dende A Ramallosa está prevista para as 02:00 horas.











