Chega aos Tilos o conto solidario “Antía, Wamba e o regato pequeno”
O Concello de Teo recibe este venres 27 na Casa Común dos Tilos á Tropa de Trapo co seu conto solidario “Antía, Wamba e o regato pequeno”. Esta proposta ideada para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade recala en Teo dentro dunha xira que o levará a vinte Concellos socios desta entidade, coma o municipio teense. A actuación comezará ás 18:30 horas, está dirixida a un público familiar e a entrada é de balde.
A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos. Unha historia con música en directo para sensibilizar sobre a cooperación e a solidariedade, dirixida a público infantil e familiar.
Marta Ortiz e Brais das Hortas son artífices deste espectáculo que tomou o relevo a ‘Contos coas mans abertas’, anterior creación da Tropa de Trapo que tamén visitou Teo o ano pasado.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos, entre os que se atopa Teo, e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











