Cedeira abre o prazo de preinscrición para as Escolas Deportivas Municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

O Concello de Cedeira abriu este luns o prazo de preinscrición das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2013-2014. Unha ampla oferta deportiva pensada para todas as franxas de idade, necesidades e gustos. Máis de vinte propostas configuran a programación que deseñou a Concellaría de Deportes e que se levará a cabo a diario no pavillón polideportivo da vila. Nela destacan os prezos, moi alcanzables para facilitar a participación cidadá. Así, entre as actividades que se ofrecerán destacan as acuáticas, ao dispoñer de piscina cuberta e, entre elas, clases de natación (para bebés, embarazadas ou sesións libres, entre outras), así como outras disciplinas como patinaxe ata ximnasia rítmica, pasando por baloncesto, bádminton ou tenis de mesa.

Para formalizar a inscrición, tan só é necesario dirixirse ao Pavillón Polideportivo. O custo por actividade oscila entre os 7 e os 12 euros mensuais, que se aboarán en períodos trimestrais (de 21 euros para aquelas de dous días á semana e de 36 euros para as actividades de cinco sesións semanais). Ademais, o Concello ten aprobados importantes descontos para familias numerosas e para aqueles que se anoten a máis dunha actividade.

Pero se as tarifas animan a participación, moito máis faino a oferta proposta. Cedeira ofrece as seguintes actividades para nenos: educación física de base, ximnasia rítmica, tenis de mesa, patinaxe, bádminton, baloncesto, fútbol-sala, natación e natación para bebés. Para adultos, a programación inclúe natación, aquaeróbic, bádminton e ximnasia de mantemento, así como aeróbic, pilates, baile moderno, aquagym, saúde na auga ou natación para embarazadas.

Dende a Concellaría de Deportes sinálase que o prazo de preinscrición aberto agora se pechará o día 21. A partir de aí, a confirmación das prazas producirase entre o 23 e o 27. Publicarase o calendario da programación e os listados o 30 e, finalmente, as actividades comezarán o día 2 de outubro. Á marxe das actividades programadas, o Concello ofrece natación libre.

17 de setembro de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.