publicidade hoxe

Catoira promociona en Termatalia o potencial dos mananciais das Lombas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal
A-
A+

O Concello de Catoira está representado en Termatalia 2013, do 19 ao 22 de setembro, a Feira Internacional de Turismo Termal, Talasoterapia e Spa que, tras o éxito da última edición celebrada o pasado en Perú, se celebra esta fin de semana en Expourense. A este evento acoden axentes públicos e privados de 25 países.

Durante estes días, o Concello de Catoira está representado en Termatalia a través de un stand no que se ofrece e distribúe información sobre o termalismo en Catoira e o potencial que ofrecen as súas augas mineiro-medicinais, así como dos atractivos e recursos do municipio e da súa contorna como destino turístico. Ademais, o alcalde, Alberto García, asistiu ás xornadas técnicas organizadas no marco da feira. Así, a mañá do xoves 19 participou nun Encontro Internacional de Cidades Termais, no que interviron expertos de Francia, Perú, Chile, Arxentina ou Portugal. O alcalde aproveitou a súa estancia na capital termal ourensá para participar tamén ese mesmo día, pola tarde, no II “Café de Europa”, organizado nesta ocasión polo Concello de Ourense. Trátase dunha serie de conferencias de primeiro nivel incluída no proxecto europeo Source, unha iniciativa a gran escala de cooperación europea entre 11 socios comunitarios que toma como punto de partida o rico pasado cultural e intelectual que caracterizou ás cidades termais europeas. A través de debates con expertos de diferentes puntos do continente, este encontro formulou diferentes cuestións en torno ó título “Augas, Peregrinacións, Espiritualidade”, baseándose na historia da hospitalidade que envolve ós mananciais de Europa. Durante a mañá do venres 20, Alberto García participou nunha sesión sobre turismo, innovación e sostibilidade organizada por Termatalia.

21 de setembro de 2013 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.