Carballo celebra o Festival Internacional Outono de Teatro
Do 3 ao 31 de outubro, a localidade coruñesa de Carballo acollerá unha ampla programación na que están presentes os principais espectáculos galegos e nacionais que desenvolven actualmente os seus períodos de xira. A presenza das máis exitosas producións galegas, así como das emblemáticas compañías Kulunka Teatro, La Abadía, Ron Lalá, Cristina Rota Producciones ou Titzina Teatre, constitúen os principais reclamos do FIOT 2013.
Organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte mailo Concello de Carballo, o FIOT conta este ano cunha achega de 44.155 euros por parte da Consellería, outorgada mediante a recente adxudicación das subvencións a festivais escénicos e musicais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Na actual edición, o FIOT, pioneiro na busca e aplicación de fórmulas para a máxima participación do público no feito teatral, avanza ademais na súa consolidación como unha das grandes citas teatrais do noroeste peninsular, ao dotar dun fío argumental propio (baixo a dicotomía “igualdade-diversidade”), que se segue mediante distintas propostas ao longo de todo o programa; e ao continuar co seu labor de coprodutor, neste caso pola súa participación na montaxe de Symon Pédícrí, do performer galego afincado en Barcelona Diego Anido.
Evento imprescindible
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe noa acto de presentación do XXII FIOT xunto aos organizadores e demais patrocinadores do encontro, ao que se referiu como “un dos eventos imprescindibles no panorama de festivais galegos”.
Sutil expresou ademais que coa axuda achegada pola Xunta de Galicia recoñécese o seu interese xeral, a súa singularidade e a relevancia artística e cultural da súa carteleira.
“Un máis –dixo- Carballo presenta a súa escolma das mellores compañías españolas e galegas durante catro semanas continuadas, que se converten nunha grande festa do teatro e nunha celebración que transcende o cultural para actuar como polo de atracción de público doutros destinos e xerar un valor económico engadido”.
Intenso programa
O calendario de actividade do Outono de Teatro inclúe unha programación de sala, que terá no Pazo da Cultura, na que están presentes as compañías Kulunka Teatro (País Vasco) co espectáculo André e Dorine, Chévere (Galicia) con Eurozone, Ron Lalá (Madrid) con Siglo de oro, siglo de ahora, Producciones Cristina Rota e Teatro Español (Madrid) con Un trozo invisible de este mundo, Titzina Teatre con Distancia Siete Minutos, Teatro do aquí (Galicia) con Criaturas, La Mona Ilustre (Chile) con Las cosas también tienen mamá, Teatro de la Abadía (Madrid) con Maridos y Mujeres e Producciones Teatrales Contemporáneas coa montaxe Emilia.
A sección denominada “Rúa dos Contos” ofrecerá este ano, coincidindo co seu 15 aniversario, 13 espectáculos en 13 espazos non teatrais. Así, entre o 3 e o 12 de outubro, os locais hostaleiros de Carballo que colaboran nesta iniciativa, a ludoteca e o mercado municipais congregarán artistas coñecidos e tamén novos valores nun popular programa que, xunto a contos, historias e monólogos, ofrecerá espectáculos de pequeno formato, clown, música, maxia, accións escénico-musicais, novo circo e cabaret.
Como vén ocurrindo en anteriores edicións, o XXII FIOT presenta ademais unha serie de actividades paralelas, tales como exposicións, premios, ou encontros entre espectadores e artistas; e mantén tamén por cuarto ano consecutivo Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) para dar cabida a propostas de carácter contemporáneo baseadas nas novas dramaturxias, códigos e linguaxes menos convencionais. Neste apartado preséntanse este ano Symon Pédícrí de Diego Anido, Hámster do colectivo galego Triateros e Sé de un lugar, dos cataláns Prisamata.











