Carballo asina un convenio para potenciar a actividade deportiva de base

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Representantes de “la Caixa” e o Concello de Carballo veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a entidade financeira potenciará no municipio, mediante unha achega económica, toda a actividade deportiva de base, e especialmente a destinada a colectivos de persoas maiores, escolares e persoas discapacitadas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Director de Área de Negocio de “la Caixa” na Coruña, José Manuel Caamaño, manifestaron a súa satisfacción por continuar cunha colaboración que permite a realización de numerosas actividades deportivas en Carballo.

Caamaño quixo destacar a importancia da Obra Social “la Caixa” en Galicia, especialmente nestes momentos, “nos que a nosa entidade está a realizar un grande esforzo para seguir apoiando concellos como o de Carballo na consecución dos seus proxectos sociais, e que estes non se vexan resentidos pola conxuntura económica”, declarou. Pola súa banda, o Alcalde de Carballo expresou o desexo do Concello de seguir apostando polo deporte de base, xa que o municipio ten podido converterse nun exemplo de difusión deportiva entre os máis novos. Para Ferrero, ademais, “o deporte é unha excelente plataforma para resaltar as potencialidades do municipio” e desexou que esta forma de colaboración con “la Caixa” poida continuar no futuro. Durante a sinatura do convenio, ademais de Ferrero e Caamaño tamén estiveron presentes o director da oficina de “la Caixa” en Carballo, Francisco Felípez, encargado de rubricar o acordo; o xerente do Padroado Deportivo Municipal de Carballo, Francisco García Bello; e o Concelleiro de Deporte carballés, Marcos Trigo. “la Caixa” aposta un ano máis por renovar o seu compromiso social ofrecendo apoio a miles de proxectos que pretenden dar resposta ás necesidades emerxentes da sociedade.

O orzamento da Obra Social, por sexto ano consecutivo, ascende a 500 millóns de euros. O desenvolvemento de programas de carácter social, adecuados a estas necesidades sociais no actual contexto concentran a maior parte do investimento. A superación da pobreza infantil, o fomento do traballo entre colectivos con dificultades, o envellecemento activo e saudable das persoas maiores e a atención ás persoas con enfermidades avanzadas seguen sendo as catro liñas prioritarias de traballo, aínda que “la Caixa” tamén impulsa outras iniciativas dirixidas a cubrir diferentes carencias e problemáticas sociais, como neste caso, a difusión do deporte.

12 de setembro de 2013 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.