Campaña solidaria de recollida de tapóns en Ourense para axudar a Víctor
Dende hai algúns anos a recollida de tapóns de plástico popularizouse como método para recadar diñeiro destinado a causas solidarias. En Ourense, a campaña iniciada hai uns meses ten nome de neno: Víctor, quen dende o seu nacemento sofre graves problemas de motricidade e necesita un tratamento médico para mellorar a súa calidade de vida. O custo desta terapia (uns 6000 euros durante un ano) conseguirase sufragar vendendo ás plantas recicladoras 30 toneladas de tapóns, que Seur se encarga de recoller e transportar sen custo ningún, dentro da súa campaña ‘Tapóns para unha nova vida’.
A Fundación Coren e a Fundación Seur son as principais promotoras desta iniciativa, na que tamén colaborou a Fundación CEO, divulgándoa entre o colectivo empresarial. Para iso, estas entidades solicitaron a colaboración de todos os cidadáns co fin de xuntar esa cantidade, establecendo puntos de recollida en distintos lugares da provincia, para o que contaron coa colaboración de empresas, organismos, centros educativos e un longo etcétera.
Como broche final a esta campaña, os organizadores prepararon un acto no que conxugarán espectáculo, gastronomía, postos de artesanía, ambientación musical e sorpresas e xogos para os nenos. O coñecido presentador Vidal López será o mestre de cerimonias dun evento no que tamén participarán o Mago Teto, o actor Rubén Riós e Nico e Jenni no apartado musical, e que contará cunha degustación de pinchos gastrónomo, xamón de castañas e bebidas.
A Praza Bispo Cesáreo é o escenario elixido para esta festa solidaria que comezará ás cinco da tarde e na que poderá participar todo o que achegue un mínimo de 20 tapóns como entrada, ou 5 euros.
Dende a organización sinalan que a resposta do colectivo empresarial foi magnífica, tanto no establecemento de puntos de recollida como na participación desinteresada para o acto de mañá venres. Ademais do apoio que tiveron do Concello de Ourense, Protección e Civil e numerosos voluntarios, queren destacar tamén a colaboración de empresas como Café Pacífico, Rosareiro, Aceites Abril, Carrefour, Panadaría Roberto Rivela, Picking Pack, Chukuchú, Gomimolas Ourense, Imgrafor, Begano, Seguridade Xapón; as Cooperativas Hortoflor, Ribeiro e Faiscas, a Fundación CEO e a Escola de Hostalaría e Turismo de Vilamarín. Ademais, a Agrupación de Libreiros de Ourense sumouse tamén a esta iniciativa achegando libros que serán vendidos no acto de mañá, co fin de unir esa recadación á causa por Víctor.











