Cambre licita por 375.000 euros o Servizo de Axuda no Fogar
O Concello de Cambre acaba de licitar o Servizo de Axuda no Fogar por un importe de 375.000 euros. As empresas interesadas en participar no concurso público deberán realizar as súas ofertas antes do 10 de outubro. Este servizo é un dos máis importantes que leva a cabo a concellaría de Servizos Sociais, xa que ofrece unha atención integral e polivalente ás persoas usuarias, e abrangue diferentes necesidades do individuo, apoiando e estimulando os aspectos da relación humana, a autoestima e a mellora das condicións de vida. Todas as intervencións que se fagan neste ámbito terán un carácter preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador.
Entre outras atencións o servizo de axuda no fogar concrétase en atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como: asistencia para levantarse e deitarse; apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse; control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse; supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos; prescritas por facultativos; apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espazo-temporal ou apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
Por outro lado, atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como: acompañamento fose do fogar para acudir a consultas ou tratamentos. apoio na realización de xestións necesarias ou urxentes, atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda, compra de alimentos e outros produtos de uso común, preparación de alimentos, lavado e coidado das pezas de vestir, coidados básicos da vivenda.
En todo caso as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e complementario e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu ámbito inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.
BENEFICIARIOS/AS
O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De modo particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficit de autonomía e a persoas con minusvalidez, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu ámbito inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
En todo caso, darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia. De modo particular, tamén son potenciais usuarios do servizo os seguintes:
– situacións de desintegración familiar
– sobrecargas familiares que xurdan de modo repentino e temporal
– familias con falta de habilidades sociais a criterio dos técnicos de servizos sociais municipais, susceptibles de mellorar cunha axeitada atención a domicilio
OBXECTIVOS
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar os seguintes:
Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
Posibilitar a permanencia das persoas no seu ámbito de convivencia habitual, potenciando a utilización positiva dos recursos do ámbito.
Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
Atrasar ou evitar a institucionalización.
Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.











