Cambre convoca o XXX Certame de Pintura do Concello dotado cun premio de 5.000 euros
O Concello de Cambre convoca o TRIXÉSIMO CERTAME DE PINTURA CONCELLO DE CAMBRE, dotado con 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e dous accésit. Hoxe presentouno o edil de Cultura, Santiago Ríos, que aseguro que o concurso pictórico conta cun dos mellores premios económicos da provincia. Recordou que poderán concorrer os artistas de calquera nacionalidade residentes en España, que así o acrediten, cun máximo de dúas obras, e non poderán acceder ao primeiro e segundo premio aqueles artistas que xa fosen galardoados con estas distincións nalgunha das dez anteriores edicións.
“A participación foi moi boa o ano pasado, no 2012 houbo moita xente foránea e iso fai co nivel do certame aumente considerablemente”, destacou Ríos.
As obras que se presenten deberán ser únicas, orixinais e non premiadas noutro certame e pódense presentar obras sobre calquera tipo de material a excepción do vidro, con tema e técnica libre, sen enmarcar ou enmarcadas cun listón. No dorso de cada obra deberá figurar: título, medidas, prezo de venda ao público, nome e apelidos do autor e pseudónimo, se o ten. Achegarán unha fotocopia do DNI ou documentación que o acredite como residente, breve currículo do autor, xunto coa ficha de participación debidamente cuberta e unha foto a cor de cada cadro presentado. Esta documentación pasará a formar parte do Patrimonio do Concello de Cambre. 4. A recepción das obras será do 14 ao 31 de outubro no horario de 9:30 a 13:30 horas os días laborables e sábados de 10:00 a 14:00 horas. Remitiranse á Casa da Cultura “Vila Concepción”, Prza. Vila Concepción, nº 1, O Temple.
O xurado, unha vez reunido, fará unha comunicación pública dos autores e das obras premiadas; reservándose o dereito a declarar algún premio deserto, se o estimase oportuno. A composición do xurado coñecerase dous días antes do ditame. Seleccionará ademáis, acorde coas dimensións da sala de exposicións, un número de obras que destaquen polo seu valor artístico dentro do conxunto de pezas a concurso para a súa exhibición. A entrega de premios terá lugar o día 13 de decembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura “Vila Concepción”, quedando as obras seleccionadas expostas desde ese día ata o 31 de xaneiro de 2014.
Os gañadores do primeiro e segundo premio, terán a obriga de asistir ao acto de entrega de galardóns, e o custo de desprazamento e aloxamento serán por conta da organización. Ademáis, realizarase un catálogo no que se incluirán as fotografías das obras seleccionadas. Así mesmo, os autores destas obras autorizan ao Concello de Cambre, cedéndolle os dereitos correspondentes de modo exclusivo, a dispor da reprodución fotográfica destas, coa finalidade de que este as incorpore á páxina web municipal e á do Certame, para os efectos da súa transmisión vía Internet, www.cambre.org / www.certamepinturacambre.org. As obras correspondentes ao primeiro e ao segundo premio, pasarán a formar parte do Patrimonio Cultural do Concello. “Esperamos que a participación se mateña e que este certame sexa como ata agora un referente da comarca das Mariñas”, apuntou o edil popular.











