Buño estrea praza cun investimento de 64.000 euros

Visitando as obras
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, reiterou o apoio do Goberno galego aos proxectos de investimento que contribúan á dinamización do medio rural galego, co fin de aumentar a calidade de vida dos seus habitantes e ampliar a xeración de oportunidades neste ámbito. Así o expresou hoxe durante a súa visita ao concello de Malpica de Bergantiños, ao que o Executivo autonómico destinou unha achega de 64.000 euros para mellorar a praza Luciano García Alén, no núcleo de Buño.
Acompañada polo alcalde, Eduardo Parga, Do Campo comprobou o resultado dos traballos, que contaron cun investimento total de 70.384 euros e foron cofinanciados polo concello e a Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O proxecto permitiu mellorar os elementos recreativos e culturais deste espazo, coa creación dun parque infantil homologado en dous andares e outro biosaudable para persoas maiores, así como a dotación de elementos de divulgación educativa, como paneis informativos, sobre a olería de Buño e a figura de Luciano García Alén.
A actuación completouse coa substitución do mobiliario urbano e a eliminación de barreiras arquitectónicas, coa construción de ramplas de acceso. Ademais, retiráronse os elementos construtivos non acordes co entorno e melloráronse os elementos vexetais.
A delegada territorial aproveitou para agradecerlle ao rexedor a súa colaboración para sacar adiante este tipo de proxectos que redundan nun incremento do benestar para os veciños e veciñas de Malpica de Bergantiños. Neste senso, trasladoulle de novo “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de reforzar a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas veciñais.











