Brión celebra con música e tirada de fogos de artificio a Véspera de Santa Minia
Brión ten todo listo para celebrar un ano máis a tradicional Romaría de Santa Minia, que terá lugar este xoves, venres e sábado. Un ano máis, a contorna da carballeira de Santa Minia centralizará todas as actividades relixiosas e lúdicas dunhas festas que saberán sobrepoñerse ás inclemencias meteorolóxicas previstas para estes días. “Agardamos a visita de milleiros de fieis e romeiros, pois sabemos que choiva non vai desanimar aos devotos de Santa Minia, se ben o mal tempo si podería deslucir a parte cultural e festiva que acompaña esta festa”, explican o alcalde brionés, Xosé Luís García.
Hoxe mesmo quedaron instaladas a carón da carballeira as 5 polbeiras e as distintas atraccións para os nenos, que ofrecerán os seus durante os próximos tres días. Dende a organización agardan que as previsións meteorolóxicas se cumpran e non chova na noite de mañá xoves, sobre todo pensando nun dos grandes momentos das festas: a tirada de fogos de artificio e queima da fachada de Santa Minia, que terá lugar mañá xoves ás 0:00 horas.
Operativo de seguridade
O Concello de Brión xa ten listo o operativo que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local, que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acudan a Santa Minia. O Concello ten habilitadas seis zonas de aparcamento de balde, con capacidade para ata 3.000 vehículos, e que estarán convintemente sinalizadas.
Dende Protección Civil aconsellan aos visitantes que se deixen guiar polos efectivos que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento, segundo a ocupación de cada parcela. Un ano máis, o Concello de Brión lembra que a utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuíto e que non hai que aboar cota algunha.
Os autobuses farán transbordo no Centro Social Polivalente, pois a avenida de Santa Minia estará cortada á circulación de vehículos tanto na noite do xoves 26 como durante todo o venres 27 de setembro. Un corte xustificado polos máis de 150 postos de venda que ocuparán ambas marxes da avenida. Durante esta semana, os veciños residentes na zona xa retiraron os seus correspondentes pases especiais, de xeito que poderán acceder cos seus vehículos ata os seus garaxes.
Véspera
O programa de festas comezará mañá xoves 26 de setembro, véspera de Santa Minia, cun pasarrúas da charanga “Mekánica” (12:00 horas) que dará paso a unha sesión vermú da orquestra “Triunfo”. Ás 17:00 horas, novo pasarrúas da charanga Mekánica e a actuación de Cé Orquestra Pantasma (19:00 horas), no que o músico vigués César Freiria ofrecerá un divertida interpretacións de pezas populares instrumentadas cos aparellos máis sorprendentes. Xa pola noite, ás 22:30 horas, comezarán os pases das orquestras “El Combo Dominicano” e “Triunfo”, que darán paso á queima da fachada e á tirada de fogos de artificio (0:00 horas). No que atinxe aos oficios relixiosos, o día da Véspera terán lugar ás 9, 12, 18, 19 e 20 horas.
Día de Santa Minia
O día de Santa Minia comezará coa actuación dun cuarteto de gaitas e da charanga “Mekánica”, que darán paso ás 14:00 horas á sesión vermú da man da orquestra “Fania Blanco Show”. A misa solemne terá lugar ás 13:00 horas, na reitoral situada en fronte á capela de Santa Minia. Aló haberá tamén misas cada hora entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Por motivos de seguridade, e por terceiro ano consecutivo, as velas dos devotos non se depositarán na capela, senón nun local anexo á leira onde teñen lugar as misas. Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia.
Pola tarde terá lugar o espectáculo de animación de rúa “O Cego de Antares” (17:00 horas) e a actuación de Festicultores Troupé, co seu espectáculo “EGFA. Exército guerrilleiro das festas armadas” (19:00 horas). A partir das 22:00 horas, verbena coas orquestras “Fania Blanco Show” e “Ceniza”.
Durante toda a xornada do venres 27 de setembro haberá xogos, barracas e uns 150 postos de venda no entorno da carballeira de Santa Minia, así como cinco das polbeiras máis afamadas de Galicia. E é que comer o polbo en Santa Minia converteuse case nunha tradición pagá comparable á de cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas imaxes de Santa Minia para que lles dea sorte durante todo o ano.
Sábado 28
Para o sábado 28 de setembro está prevista un pasarrúas coa charanga Apeles (10:00 horas) e o tradicional concerto da Banda de Música Municipal de Brión (13:30 horas). Pola tarde, tempo para os malabares e a maxia cómica de “Roi o cagabolas” (17:30 horas) e a actuación dos alumnos e alumnas da Escola de Baile e Pandeireta de Brión, que este ano terá lugar na praza do Concello ás 18:30 horas. Tras a actuación de Brisas da Croa (19:30 horas), a orquestra Tambo pechará os festexos de Santa Minia 2013.











