Benestar Social dispón de prazas para incorporar novo alumnado ao servizo de almorzos escolares
A Concellaría de Benestar Social, a través do CIM, informa de que aínda quedan prazas vacantes no programa “Almorzos na escola” para o curso 2013-2014. O servizo, que se activará no mes de outubro, levará consigo a apertura do CEIP José María Lage antes do horario lectivo, facilitando aos pais conciliar vida familiar e laboral.
O programa, no que se atende de forma personalizada a alumnado de infantil e primaria do centro escolar, comeza a funcionar a partir das 7:30 horas. Dende ese momento e ata o inicio da xornada lectiva, os usuarios/ás almorzarán, aprenderán hábitos saudables e participarán en actividades de corresponsabilidade e de fomento da educación en igualdade xunto a outros compañeiros, e da man dunha monitora especializada.
“Almorzos na escola” ofertará ata un máximo de 15 prazas e contará, comoen anos anteriores, con tres modalidades de participación: usuario/a diario con almorzo (30’91 €/mes), diario sen almorzo (25’77 €/ mes) e usuario ocasional (4’12 € por xornada), sempre que haxa vacantes dispoñibles, circunstancia que se dá na actualidade.
O goberno de Rafael Girón impulsa a posta en marcha deste servizo municipal, que conta co respaldo económico de Deputación da Coruña, no marco das políticas locais de promoción da igualdade de oportunidades. Non en van, permitirá garantir unha axeitada atención aos pequenos nunha franxa horaria na que moitos pais e nais teñen que incorporarse aos seus postos de traballo, sen renuncias de tipo laboral de ningún tipo e sen sobrecargar os avós, encomendándolles o coidado dos netos/as.
Para proceder a matricular novos usuarios ou solicitar máis información, as familias poden dirixirse ao centro social da Vila (Telf. 981 40 25 42).











