Belén do Campo expresa o seu apoio á labor da Asociación Galega de Ataxia

Do Campo na mesa informativa de Ataxia
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación Galega de Ataxia (AGA) instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día internacional desta doenza, que se conmemora hoxe.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside Estrella Pita o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, ven asinando convenios de colaboración anuais con Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, na que está integrada a AGA, co obxectivo de buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen algunha enfermidade rara e aos seus familiares e de aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea. Na sede que a entidade ten no centro asociativo Domingo García Sabell da Coruña, AGA, facilita aos afectados por esta doenza e ás súas familias servizos de información e asesoramento sociosanitario, rehabilitación, intervención social, apoio e asistencia psicolóxica
Con motivo dos actos vinculados ao Día Internacional da Ataxia, a asociación levará a cabo una campaña de difusión da enfermidade, así como a colocación de mesas informativas e de recadación de donativos destinados á investigación. Así, durante o día de hoxe estas mesas estarán situadas en diversos puntos da Coruña -ademais do edificio administrativo da Xunta-, como nos Cantóns e a praza de Lugo. Ao longo deste mes e do seguinte, tamén se desprazarán por outras localidades como Santiago, Carballo, Ponteceso, Porto do Son, Ferrol, Malpica de Bergantiños ou Zas.











