Balance positivo do mercado tradicional sabatino tanto para vendedores como para compradores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A concelleira afirma que “é pronto para que se poida falar de consolidación da iniciativa como tal; temos que seguir achegando esforzos entre todos, para que se instaure como cita comercial xa totalmente asentada, pero os resultados nos tres primeiros meses son óptimos xa que se están a conseguir os obxectivos marcados” “De cara ao comezo da nova estación programarase a Feira de Outono que será probablemente o sábado 26 de outubro para a que actualmente temos aberta a participación; o programa consensuarase coa Comisión de Comercio e Hostalería da AED para buscar o maior beneficio para todos, de xeito se poda incluír algunha actuación en colaboración con estes sectores”

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, sinala que “o balance destes tres primeiros meses do Mercado Tradicional de Lalín que se veñen e cumprir é moi positivo, segundo os vendedores, os clientes e tamén o propio Concello”.

“A posta en funcionamento, a finais de xuño, destas feiras sabatinas, partindo da necesidade de poñer en valor os produtos do campo, de complementar as rendas de produtores e vendedores, de dinamizar os espazos urbanos e así mesmo de achegar ao consumidor de Lalín produtos de alimentación de calidade e orixinais elementos de artesanía, está dando resultados óptimos en canto a que se están a conseguir os obxectivos marcados”, explica Batán.

“Non obstante -precisa- é pouco tempo para que se poida falar de consolidación da iniciativa como tal (un trimestre); temos que seguir traballando na mesma, achegando esforzo entre todos, para que poida instaurarse como cita comercial xa totalmente asentada dentro do calendario lalinense”, remarca.

A responsable municipal salienta que “no Mercado Tradicional semanal, que actualmente se desenvolve de 9 a 14 horas na Praza da Torre-Estatua de Loriga, están presentes unha media de quince postos; a maioría de alimentación -hortalizas, froitas, pan, empanadas, ovos, rosquillas, doces, queixo, mel, polbo, churros, etc.- e algún máis de artesanía -complementos-, todos da zona”. “Ademais, hai demanda de novos vendedores con interese en instalarse no Mercado Tradicional de Lalín que incorporaremos nunha seguinte fase”, sinala.

FIDELIZACIÓN DA CLIENTELA

Batán Mouriño precisa que “os produtos máis demandados son o queixo, a pataca, o tomate, o pemento, os ovos, verzas, o cabazo, etc; os clientes son maioritariamente de Lalín: particulares e negocios de hostalería e restauración, xente de todas as idades e maior número de mulleres que de homes”. “A clientela vaise afianzando, pois repite e fai encargas dunha semana para outra; nótase que acolleu moi ben a iniciativa”, sostén.

“Os establecementos do entorno, comercio e hostalería, confirman que hai bo ambiente e que a actividade se complementa moi ben co resto de establecementos”, incide.

María José Batán afirma que “nas conversas e encontros mantidos nesta semana desde a Concellería de Comercio, recolléronse estas valoracións, así como outros temas de interese que se estudarán como, por exemplo, a ampliación de postos segundo as solicitudes presentadas ou a infraestrutura necesaria para desenvolver os mercados en épocas de outono e inverno”.

“Todos están de acordo en que a localización é boa, pois lles permite estar nun espazo que é un escaparate perfecto, moi ben acondicionado para o verán e ao mesmo temo no centro do pobo”, subliña. “Aínda así, é preciso coa axuda do Concello, reformular ou buscar alternativas cara ao inverno que faciliten a todos esta actividade para alcanzar o obxectivo de seguir consolidando a iniciativa e de incrementar a participación na mesma”, di.

FEIRAS ESTACIONAIS

“De cara ao comezo de nova estación, como xa se anunciou no verán, programarase á Feira do Outono”, anuncia. “Será tamén un sábado, probablemente o 26 de outubro, esta vez, en xornada de mañá e tarde, na mesma localización  -Praza da Torre-Estatua de Loriga e entorno da rúa Colón-”, puntualiza.

 “Contarase con exposición e venda de produtos de alimentación e artesanía; aínda que para o Mercado de Outono os produtos estrelas serán as setas e as castañas, entre outros”, fai fincapé. “Tamén haberá artesanía: forxa, pedra, cestería, madeira, complementos, bisutería, entre outros”, subliña. “Estase tamén a programar a actuación do grupo de gaitas e os obradoiros de manualidades e animación para nenos e nenas”, comenta.

“Nestes momentos está aberta a participación, a través da Concellería de Comercio, para que as persoas interesadas en tomar parte neste Mercado de Outono o comuniquen”, salienta. “Tamén se está asesorando a vendedores e artesáns sobre as xestións administrativas e as condicións para participar, sobre os trámites para obter a carta de artesáns, etc.”, precisa.

“O programa da Feira de Outono trasladarase ás Comisións de Hostalería e Comercio da AED para que acheguen as súas suxestións, pois trátase de buscar unha actuación que beneficie a todos e que poida incluír algunha actuación en colaboración con estes sectores”, conclúe.

24 de setembro de 2013 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.