Autos Leirós Concello de Mos disputará por cuarta vez a Copa Xunta de fútbol sala
O equipo de fútbol sala Autos Leirós Concello de Mos disputará a vixésimo terceira edición da Copa Xunta. É a cuarta vez na súa historia que este equipo participa nesta competición na que se enfrontan os mellores equipos galegos. Para acceder a esta competición os equipos participantes tiveron que rematar a pasada tempada entre os dous primeiros postos nas súas respectivas categorías. E, a maiores, tamén a disputan os tres representantes galegos na máxima categoría do fútbol sala nacional.
O Autos Leirós Concello de Mos F.S. está encadrado no grupo B da XXIII Edición da Copa Xunta xunto co Cidade de Narón, Esteo das Pontes e C.P. Casás de Lugo. Pola súa banda o grupo A está formado polos equipos Parrulo de Ferrol, Pazos de Borbén, Talleres ABC de Vigo e Troula F.S. de Betanzos.
Durante a competición, os dous primeiros de cada grupo enfrontaranse en cuartos de final ós cabezas de serie que son o Noia F.S. e os tres representantes galegos en primeira división: Azkar Lugo (actual campión), Burela F.S. e Santiago Futsal.
O Autos Leirós Concello de Mos F.S. recibe o vindeiro sábado, día 14 de setembro, ás 18.00 horas no Pavillón Óscar Pereiro, ó potente Cidade de Narón, equipo que milita en segunda división B. Este partido servirá a modo de presentación oficial do equipo da tempada 2013-2014 ante a súa afición. O pasado sábado, 7 de setembro, xa disputou no Pavillón Municipal das Pontes o primeiro partido deste torneo Copa Xunta contra o Esteo, equipo que tamén milita en segunda división B, e contra o que os mosenses, tras un gran partido, daban a sorpresa de vencer cun resultado de 2-3.











