Autorizan unha modificación do Plan Xeral de Poio no ámbito de San Salvador para diminuír a edificación e incrementar os espazos verde
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informa favorablemente a aprobación inicial da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Poio, polo que se diminúe a edificabilidade se incrementan os espazos libres.
Este concello pontevedrés remitiu a Modificación Puntual do plan no polígono de solo urbano non consolidado nº 2, en San Salvador de Poio, solicitando informe previo á aprobación inicial. Esta ten por finalidade adaptar a ordenación definida polo PXOM á ordenación gañadora do IX Concurso de ideas EUROPAN co tema “urbanidade europea-cidade sostible e novos espazos públicos” tendo en conta criterios de menor edificabilidade e maior porcentaxe de espazos libres. A proposta contempla o reaxuste do ámbito previsto polo PXOM.
Esta proposta adapta as determinación establecidas no PXOM de Poio do ano 2000 ás novas exixencias da Lei do Solo e logra inserir unha peza do territorio que mestura as edificacións de solo urbano co tecido limítrofe dos núcleos rurais, unha idea innovadora de ocupación sostible do territorio primando o diálogo entre edificacións de baixa densidade cos espazos libres de ocio e zonas verdes.
O concello de Poio dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado definitivamente en xullo de 2000.











