Autorizada a desafectación da antiga casa do conserxe do colexio de Sober e o seu entorno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSober
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aprobou a desafectación da antiga vivenda do conserxe do colexio de Sober así como do espazo que a rodea, zona na que o concello proxecta edificar vivendas sociais.

Con esta resolución, a Xunta desvincula do uso educativo unha área de 2.665 metros cadrados, que forma unha parcela rectangular de 41 metros de fronte e 65 de fondo que linda en parte con outro terreo de propiedade municipal.

O Concello de Sober solicitou a desafectación da edificación e da parcela para poder empregalos nos próximos anos como espazo para poñer a disposición dos veciños vivendas de promoción pública.

A Consellería valorou a viabilidade da proposta, confirmando que a vivenda do conserxe non é necesaria para usos educativos xa que no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Virxe do Carme de Sober non existe esa figura actualmente.

Polo que respecta ao entorno, tampouco esta superficie é imprescindible para o funcionamento do colexio, xa que é utilizado como aparcamento pero existen outras alternativas.

Así mesmo, estímase que as dotacións do colexio non se ven afectadas, xa que o centro ten espazos suficientes para o uso escolar, quedando aulas libres na actualidade.

O colexio dispón de aulas de infantil e primaria e outras de uso común, así como locais de uso administrativo, biblioteca, cociña, comedor, ximnasio e polideportivo.

28 de setembro de 2013 | 23:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.