Autorizada a ampliación dun centro ocupacional para diminuídos psíquicos en Mouriscade
A Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo autorizou esta mañá a ampliación e mellora das instalacións dun centro ocupacional para diminuídos psíquicos no lugar de Mouriscade, na parroquia de San Xoán, no Concello de Lalín.
A Asociación de pais de minusválidos psíquicos (Aspadeza) solicitou a tramitación da autorización da Comunidade Autónoma en solo rústico previa á concesión da licenza urbanística municipal, para a ampliación e mellora das instalacións dun centro ocupacional.
As obras e intervencións que pretende levar a cabo a Asociación consistirán na execución dun patio cuberto para actividades ao aire libre de 213,85 m² e 3,65 m. de altura acaroado á instalación existente cos mesmos materiais e acabados que esta, que alberga un almacén para gardar material deportivo de 19,45 m² e 2,67 m. de altura a base de muros de fábrica con revestimento monocapa da mesma cor que a construción existente.
Tal e como se recolle no planeamento vixente do Concello de Lalín, a parcela obxecto da actuación correspóndelle a categoría de solo rústico de protección ordinaria. Na resolución emitida dende a Xunta de Galicia sinálase que as características tipolóxicas, estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados das edificacións serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno.











