Asinada a acta de replanteo do proxecto de mellorará do campo de fútbol de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Visita ás instalacións

Visita ás instalacións

As obras que contempla o proxecto no que se inclúen unha serie de melloras nas instalacións do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco comezarán a executarse nesta semana tras realizarse hoxe o trámite da sinatura da acta de replanteo por parte do alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a dirección de obra e o representante da empresa que executará os traballos.

O Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña investirán 50.000 euros na execución deste proxecto, que contempla tres actuacións diferenciadas. Por unha parte será ampliada a cuberta do edificio dos vestiarios e pecharase por completo, con cristaleiras, a zona situada fronte á cantina, creando un novo espazo diáfano dunha superficie de 86 metros cadrados útiles que poderá ser utilizado para diversos usos, tales como local de reunións dos equipos ou sala de espera especialmente deseñada para que os pais dos nenos poidan resgardarse das condicións climáticas adversas durante a actividade deportiva.

Na zona das gradas instalaranse, sobre o formigón, asentos plásticos de respaldo baixo e realizaranse melloras dirixidas a cortar o paso do vento para favorecer as condicións térmicas e facer o lugar máis agradable para o público asistente.

Por último, o local de atención ao público (taquilla) será cuberto e integrarase no interior do recinto deportivo, para o que será necesario realizar unha pequena modificación no muro xunto á entrada principal.

O campo de fútbol municipal A Porta Santa acolle toda a actividade (adestramentos e partidos) da Unión Deportiva Paiosaco, tanto do primeiro equipo –que milita na primeira autonómica- como das súas categorías inferiores. Nesta instalación tamén se desenvolven os adestramentos do Club do Mar de Caión –tamén da primeira autonómica-, ademais de eventos, torneos e actividades que ao longo son organizadas polo Concello da Laracha.

3 de setembro de 2013 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.