As tarefas de saneamento no núcleo de Caños de Moledo supuxeron un investimento de 500.000 euros
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe as obras de saneamento do núcleo de Caños de Moledo, que contan cun investimento de preto de 500.000 euros e que xa están practicamente finalizadas. Esta actuación supón a terceira obra rematada do convenio asinado entre Xunta de Galicia e Concello de Marín por un importe de 5,6 millóns de euros, logo dos sumidoiros de Cidrás e de Pardavila.
Agustín Hernández lembrou que o obxectivo principal destas accións é aumentar a extensión e eficacia da rede de saneamento do concello de Marín, ademais de mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra, ao evitar os vertidos ao río Loira, dándoselle unha solución aos veciños, que ata o de agora tiñan que empregar pozos negros ou verter en superficie, orixinando problemas de contaminación.
Con estas obras, dotouse de drenaxe, saneamento, aparcamento e beirarrúas o lugar de Caños de Moledo, na parroquia de Ardán, na marxe esquerda da estrada PO-551, en case un quilómetro de lonxitude.
Así mesmo, instalouse un colector de pluviais e tamén un colector de augas residuais, un aparcamento en liña de 1,8 m de ancho, e unha beirarrúa con ancho variable. A rede de saneamento proxectada conectase coa existente, mentres que a nova rede de drenaxe verte directamente no río Loira.
Ampliar a rede de saneamento
Grazas a esta colaboración entre a administración autonómica e local ampliouse a rede de saneamento neste municipio, ao tempo que avanza un paso máis na eliminación de vertidos á ría de Pontevedra a través da mellora das concas que desembocan nela.
As actuacións recollidas no convenio de colaboración para o saneamento de Marín divídense en dous bloques: obras no rural e mellora do colector xeral. Durante o 2013 seguirase avanzando coa licitación de novas infraestruturas, cuxa tramitación administrativa se está ultimando.
Nese senso, o responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia explicou que, ademais do saneamento de diversas parroquias do rural de Marín, o convenio contempla a mellora do colector xeral, que se prevé licitar este mesmo ano, o que repercutirá directamente na mellora do funcionamento da Estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres, que sofre un exceso de entrada de augas limpas.
Grazas a esta actuación permitirase o control dos caudais en tempo de chuvia, que evitará a saturación do colector xeral de Marín e regulará a auga que chega a Praceres. O custo desta actuación, tamén incluída no convenio, ascende a case 3 millóns de euros.
Os problemas máis importantes ocorren nas épocas de chuvia, nas que o grande caudal que procede da rede de saneamento provoca a saturación do colector xeral, que é incapaz de aliviar toda a auga que entra no sistema. A actuación sobre o colector, ademais de regular o seu funcionamento, beneficiará ao rendemento da EDAR de Praceres.











