As reformas de 36 centros educativos vigueses supuxeron un investimento de 600.000 euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu neste ano 2013 máis de 600.000 euros en novas melloras e reformas dun total de 36 centros de Educación Primaria e Secundaria da cidade de Vigo.
As actuacións, con cargo ao RAM (Reforma, Ampliación e Mellora de centros), están practicamente rematadas e listas para que os alumnos e alumnas dos centros educativos inicien o novo curso escolar sen problemas.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP Altamar e o CEIP Josefa Alonso, onde o Goberno autonómico levou a cabo unha serie de obras neste senso e que se achegaron, en total, aos 53.000 euros. Bravo Bosch puido comprobar así o estado das obras de cara ao inicio do curso escolar que comeza mañá incidindo no feito de que a Administración autonómica seguirá a traballar para que a oferta educativa pública sexa o máis completa posible, cos equipamentos necesarios e sempre optimizando os recursos públicos.
O CEIP Altamar contou así cun investimento de 15.000 euros para a adaptación dunha nova aula e a construción dunha marquesiña. A actuación consistiu na demolición do tabique que une a aula actual coa parte da vivenda do conserxe ademais de realizar as actuacións necesarias para adaptala ao novo uso como aula docente. O prazo de execución desta reforma foi dun mes e, coma explicou Bravo Bosch, a medida adoptouse para respostar ás necesidades do alumnado e das familias ante a imposibilidade de construír un novo centro, coma así pretendía a Consellería de Educación, ao non contar coa cesión dos terreos por parte do Concello de Vigo.
A delegada da Xunta trasladouse despois ata o CEIP Josefa Alonso de Matamá, outro dos centros onde se investiron máis de 38.000 euros para a mellora das instalacións térmicas e acometer un muro de contención no centro. No primeiro caso, o investimento foi de 35.000 euros para subsanar o mal funcionamento da instalación de calefacción, que estaba mal illada e sen regulación, os defectos no illamento das tubarías, o desprendemento dos falsos teitos na zona do ximnasio e as pingueiras do escenario na aula de usos múltiples. Outros 4.000 euros investíronse na acometida dun muro de contención.
Estes dous centros son un exemplo das actuacións acometidas neste ano 2013 pola Consellería de Educación na cidade de Vigo, pero tamén se levaron a cabo obras nun total de 36 centros educativos (16 CEIP, 12 IES, 3 CEP, 3 EEI, 1 CEE, 1 CIPF) para diversas necesidades e que van dende a reposición de fachadas, mellora de aulas, reparación de goteiras, cambios de cubertas e carpintería exterior, falsos teitos, ou reparación de vidros, entre outros.
En definitiva, nos últimos anos, a Xunta de Galicia leva investidos un total de 11,6 millóns de euros no eido das infraestruturas educativas dos centros de infantil, primaria e secundaria da cidade de Vigo destacando así as grandes actuacións levadas a cabo nos CEIP O Pombal, Pintor Laxeiro, Illas Cíes, Virxe do Rocío, CEE Saladino Cortizo ou IES Manuel Antonio, entre outros.











